Segue a coller corpo a segunda edición da Feira Gastromar, impulsada dende a Asociación de Empresarios de Ribeira en colaboración coas Confrarías de Aguiño e Ribeira, cos produtores de mexillón (OPMEGA), co Concello de Ribeira e, tamén (nesta segunda edición), coa Cooperativa de Armadores de Ribeira. No marco da axenda de traballo de Gastromar, este xoves 9 de marzo a patronal desprazouse até Santiago onde os seus representantes mantiveron unha xuntanza coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e co director xeral de Pesca, Antonio Basanta.

Segundo manifestou o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez Gude, tanto Quintana como Basanta mostraron o seu apoio incondicional á cita gastronómica, co obxectivo de “conseguir que se consolide e que teña o alcance e a visibilidade que a nosa comarca merece e precisa”.
E engadiu: “Poñer en valor e dar a coñecer os peixes e mariscos da nosa ría, é o obxectivo de Gastromar, e cremos que esta feira reúne os requisitos para que así sexa”.
Martínez Gude tamén insistiu en que as portas están abertas e as posibilidades de colaboración e participación no evento son máximas: “Reiteramos o noso convite a todas as entidades do sector interesadas en participar no desenvolvemento da feira, para que se suman a esta tarefa na seguridade de que serán acollidas coas mans abertas”.
O presidente tamén agradeceu a colaboración da Conselleira do Mar, a quen agradeceu, en nome da patronal, o seu agradecemento pola acollida e pola predisposición a colaborar na iniciativa.




