A Confraría de Pescadores de Noia vén de emitir un comunicado no que mostra o seu rexeitamento frontal ao proceder da Xunta en relación á autorización dos vertidos da mina de San Finx, aos que se opón o pósito xunto cunha manchea de entidades da comarca. No comunicado a Confraría sostén que “a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tentounos apartar da acción legal contra a autorización de vertidos que se outorgou á mina de San Finx en febreiro”. De feito, engaden, “a Xunta vén de inadmitir a petición da confraría de que non se realizase o vertido ata que se decidise sobre os recursos presentados alegando que non ten intereses lexítimos que defender”.
A agrupación de pescadores considera que a decisión do Secretario Xeral Técnico da Consellería, Joaquín Macho Canales, “é manifestamente ilegal” e “responde a unha tentativa desesperada de apartar ao pósito noiés do proceso xudicial”, pois a propia Augas de Galicia xa tiña recoñecido á confraría como parte interesada no procedemento, notificándolle todos os actos de trámite durante os sete anos nos que se alongou o expediente.
Fontes do pósito engaden que a Xunta non pode afastar a entidade do proceso, pois é representativa dos intereses económicos dos case 2.000 mariscadores que traballan nos bancos da ría de Muros e Noia, que xeraron 17,5 millóns de euros de facturación en 2021. Estas e outras cifras, esgrimen, son máis que suficientes para “xustificar o interese da confraría por impedir que os vertidos da mina de San Finx poidan causar un prexuízo grave e irreparábel na economía da comarca”.
Desde a confraría anuncian tamén que recorrerán de inmediato a decisión da Consellería ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e non descartan iniciar novas accións na vía penal fronte os altos cargos responsábel “no caso de confirmarse os indicios dun posíbel delito de prevaricación por tentar apartarnos ilegalmente do proceso”.




