A Confraría de Noia anunciou este sábado 11 de marzo a inmediata constitución dunha plataforma comarcal de afectados pola explotación mina San Finx. Trátase “dunha medida máis ante a autorización recibida pola empresa mineira, por parte de Augas de Galicia, para o vertido de augas residuais contaminadas e a posterior explotación do complexo”, explicaron fontes do pósito noiés, engadindo que á plataforma poderanse adherir todo tipo de colectivos, entidade, asociacións, empresas, clubs, partidos políticos… que entendan podan ser afectados directa ou indirectamente.

“Animamos á sociedade en xeral a formar parte da plataforma, co fin de reivindicar, o noso medio de vida, o medio ambiente, o noso comercio, a nosa saúde, a nosa cultura”, proclama a Confraría trala constitución da plataforma, facendo tamén un chamamento “á cordura da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para que paralice a executividade da autorización”, o que solicitou a confraría como medida cautelar urxente nada máis ter coñecemento da autorización.
Aos efectos manteranse reunións e poderanse enviar solicitudes de adhesión ao correo electrónico da Confraría, cofradia@cofradianoia.org.
“De non suspenderse a executividade da autorización, o vertido das augas que a empresa australiana pretende bombear desde as plantas inundadas da mina causará un enorme dano ambiental e prexuízo económico ao sector do mar, pois a ría de Muros e Noia está tan só sete quilómetros por debaixo da mina”, lembran dende o posito noiés, engadindo que “o baleirado das plantas inundadas, que require un bombeo e vertido constante de grandes proporcións que incluso duplicaría o caudal do río durante a maior parte do ano, non soluciona nada nin posibilita a actividade mineira se esta carece, como ata o de agora, das preceptivas autorizacións ambientais”.




