
Ás doce horas deste mércores, na sede do ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o titular deste, Luis Planas, presidirá o acto de relevo da ata o de agora secretaria xeral de Pesca, a coruñesa Alicia Villauriz, pola asturiana de Luanco, Isabel Artime. No mesmo acto vai producirse o nomeamento de Mónica Corrales como directora xeral de Pesca Sostible.
Aínda que estes días pasados circulaba o rumor do cese de Villauriz, barallándose como probable relevo o nome de Ignacio Gandarias (quen a todas luces ten máis que amortizado o seu cargo de director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura) xunto ao de Isabel Artime (quen finalmente foi a elixida) nada facía supoñer un relevo destas características dada a proximidade das eleccións xerais que determinarán un novo Goberno en España.
Villauriz váise a Londres en calidade de conselleira da Embaixada de España na capital do Reino Unido onde, probablemente, terá un labor importante a exercer neste momento de desconexión dese país que foi Estado membro da UE e a propia Unión, coa que ten importantes débedas contraídas a causa dese paso mal dado que todos coñecemos como “brexit” e que, en materia pesqueira, non só desarborou á Gran Bretaña senon que orixinou nos países marítimos da UE -especialmente en España, Portugal e Francia- un problema de moi difícil solución a partir do reparto de cotas das especies comúns aos intereses de todos aqueles -incluída Irlanda- que teñen dependencia dos caladoiros británicos.
Talvez Alicia Villauriz atope no seu novo destino o que non soubo ou non poido facer na secretaría xeral de Pesca. O seu paso por este departamento non significou ningún avance para o sector pesqueiro español e, particularmente, para a pesca de baixura galega e os cada vez menos barcos galegos que faenan en augas comunitarias. Nin ela nen o ministro Planas que a nomeara secretaria xeral de Pesca, tiveron o peso necesario nos cenáculos comunitarios (coido que desde os tempos de Carmen Fraga no cargo e coa excepción da que fora Comisaria de Pesca da UE, nunca España en calidade de Estado membro acadou o peso que en Europa tivo -xa non ten- e que se perdeu paulatinamente dende o acceso á CEE en 1986.
Non sei que poderá facer Isabel Artime a partir de agora, á fronte da Secretaría Xeral de Pesca. Egoístamente deséxolle o mellor, porque o sector pesqueiro español está necesitado da man firme dunha persoa que saiba verdadeiramente o que é a pesca e o que esta significa para a España pesqueira que vai polo mar abaixo garreando como garrea a embarcación que non fixo firme o fondeo.
O potencial pesqueiro do caladoiro Cantábrico Noroeste ten un papel asignado no conxunto europeo que os dirixentes gobernamentais en España esquecen en canto pisan moqueta en Madrid.
A ver se vai desta e ten continuidade no tempo.