Os distintos formatos de punto limpo da Pobra rexistraron 127’44 toneladas de residuos en 2022

01 Febreiro 2023

A Pobra do Caramiñal dispón de varias ferramentas para evita-la aparición de vertedoiros incontrolados que degraden a contorna e darlles un tratamento adecuado aos elementos sen vida útil. Un destes recursos é o punto limpo do polígono industrial da Tomada, que xestionou no pasado exercicio 126’3 toneladas de residuos, mentres que en 2021 foron 138’7 toneladas.
A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), indica que a madeira supón a maior parte do peso, seguida da chatarra, entullos, televisións e monitores, aparellos eléctricos e voluminosos. A referida instalación constitúe un lugar onde levar gratuitamente os nomeados desperdicios, con horario de atención ao público de luns a sábado, dende as 10.00 ata as 13.00 horas.
Nos datos xa expostos tamén se inclúen os depósitos efectuados pola veciñanza preto dos seus domicilios, logo do aviso á empresa concesionaria para proceder coa retirada. Trátase dunha prestación de balde a través do teléfono 981871808, contacto que precisa o lugar e día para coloca-lo obxecto.
A maiores, o Concello ten en marcha un sistema complementario de reciclaxe: o punto limpo móbil. Trátase dun colector de pequeno formato, previsto para o seu traslado pola vía pública, e que conta con variosespazos independentes de introdución e almacenaxe de cartuchos de impresora; aerosois; pilas (convencionais, alcalinas, botón e baterías); teléfonos móbiles; produtos electrónicos do tipo RAEE (cargadores de móbiles, auriculares etcétera); CD, DVD e cintas de vídeo; lámpadas de baixo consumo; xoguetes de plástico; e pequenos electrodomésticos. En 2022 recolleuse un total de 412 quilogramos, nos cales representaron os aparellos electrónicos e os pequenos electrodomésticos a maior parte do
peso. Alcanzáronse os 422’5 quilogramos en 2021.

Permanece unha semana nunha localización do rural: O Alto de Cabío (na primeira semana de cada mes), A Ribeiriña (segunda semana), Santo Isidro (terceira semana) e O Colo de Arca (cuarta semana).
E outros mecanismos para perfecciona-lo sistema da reciclaxe existente son os dous minipuntos limpos do núcleo urbano: fronte á casa consistorial e na praza do Emigrante. Consisten en estruturas verticais
moi accesibles para a cidadanía con diferentes apartados segundo o residuo de pequeno formato que se vaia inserir. En 2022 rexistraron 727 quilogramos de refugallos de uso doméstico; unha cifra inferior aos 1 024 quilogramos de 2021. A edil explica que, unha vez consultada a empresa xestora, un dos motivos do descenso é o acto de vandalismo que sufriu o instalado na praza do Emigrante, que o deixou inutilizado durante un tempo, polo cal se atenuou a cantidade recollida.
Pódense introduci-los cartuchos de impresora, teléfonos móbiles, pilas e baterías de móbil, aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) e lámpadas de baixo consumo. Como novidade, admítense as cápsulas de café que están compostas de aluminio e plástico.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.