Xa comezou a conta atrás para o inicio oficial do Entroido en Porto do Son, unha celebración creativa e participativa que recupera o brillo e a vistosidade previo á COVID e que, segundo lembrou o Concello, repartirá máis de 3.5000 euros en premios. De feito, dúas das actividades máis destacadas do programa preparado pola área municipal de Cultura serán os concursos de disfraces para rapaces (o día 18) e para adultos (o día 20 de febreiro). Quen queira inscribirse pode facelo a través da Rede.

As actividades concentraranse os días 18, 20, 21 e 22 de febreiro e comezarán, o día 18, cun concurso infantil de disfraces (categorías grupo, parella e individual), amenizado pola Charanga Os Celtas. A cita será na fachada marítima da vila de Porto do Son, ás 17.00 horas, onde terá lugar o desfile ante o xurado habilitado para valorar as diferentes propostas. Os mellores disfraces de individual e parella serán nomeados Rei e Raíña infantís do Entroido, e deberán encabezar o desfile do luns. Haberá premios de entre 50 euros e 150 euros (unha ducia de premios).
O 20 de febreiro celebrarase o concurso de adultos. Haberá tres modalidades: comparsas, grupo e individuais. O certame estará amenizado por Psychodelia de Troula e os Solfamidas de Campo Lameiro. O desfile sairá da Casa da Cultura de Porto do son ás 17.00 horas, facendo un percorrido polas rúas da vila até a fachada marítima, onde terá lugar a actuación. As comparsas deben representar a murga e os grupos e individuais realizar unha exhibición. Haberá unha decena de premios en metálico, que oscilarán entre os 800 euros e os 50.

As actividades do Entroido volven ao día seguinte, 21 de febreiro, desta volta poñendo o foco na rapazada, con inchábeis a partir das 17.00 horas no Polideportivo de Santa Irene.
O día seguinte, 22 de febreiro, celebrarase o tradicional Enterro do Felipiño. A saída será ás 19.30 horas da Casa da Cultura de Porto do Son. A comitiva percorrerá as rúas do centro histórico do Son até o Tendedeiro, na fachada marítima.




