A Consellería do Medio Rural informou da execución en Porto do Son e Ribeira, esta tempada, traballos preventivos dentro do Distrito forestal IV-Barbanza. Estes labores consisten sobre todo “na creación e mantemento de áreas cortalumes e faixas auxiliares, ademais de na execución de tratamentos silvícolas”, informou a Consellería, engadindo que as actuacións contan cun investimento de preto de 47.000 euros e lévanse a cabo nos montes das parroquias de Noal, no concello de Porto do Son; e Carreira e Oleiros, no concello de Ribeira.

Medio Rural explica que a creación e mantemento de áreas cortalumes e faixas auxiliares “permitirá facilitar o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción de incendios”. Así mesmo, a execución de tratamentos silvícolas busca “crear descontinuidades da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal na zona e protexer os principais valores naturais existentes nela”.
A suma das accións en hectáreas ascende a máis de 16, das cales 8,81 hectáreas son de creación e mantemento de áreas cortalumes e faixas auxiliares. O resto das zonas de actuación dedícanse a tratamentos silvícolas como rareos ou podas tanto altas como baixas.
Estes traballos enmárcanse dentro do Plan preventivo en vigor que contempla un investimento de 33,1 millóns de euros para poder actuar en máis de 58.600 hectáreas do territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación.



