O Concello de Rianxo informou dos detalles das obras previstas para Quintáns (Isorna) e Corques (Taragoña), no primeiro dos núcleos achegando saneamento e abastecemento e no segundo abastecemento. Ambas as actuacións forman parte do Plan Único da Deputación en Rianxo e veñen de rematar o seu proceso de licitación aberto hai uns meses.
En Quintáns
A primeira das obras correrá a cargo da empresa Mecano e consistirá no saneamento e abastecemento do lugar de Quintáns en Isorna. A actuación afectará a unhas 35 vivendas que se conectarán á depuradora existente e eliminarán unha zona de risco de vertidos ao río Ulla, ademais de resolver o abastecemento en risco durante a época estival. O importe de adxudicación foi de 215.277,89 euros a favor da devandita empresa. Segundo informou o Concello, este proxecto mellorará a situación dunhas 35 vivendas que pasarán a dispoñer dos dous servizos. O período de execución é de seis meses e contempla a posterior reposición dos servizos afectados polas obras con nova capa de rodaxe de asfaltado. Ademais contempla a instalación dun pozo de bombeo para conducir á rede xeral unhas oito vivendas que quedaban nunha cota máis baixa que a rede existente.
En Corques
A segunda das actuacións consiste na dotación e ampliación da rede de abastecemento de auga no lugar de Corques, Taragoña, a favor da empresa Excavaciones Midon, por un importe de 99.751,55 €; por ser a mellor das ofertas con arranxo aos criterios de adxudicación. Afectará a unhas 25 vivendas cubrindo toda a aldea desde o depósito existente de Taragoña e supón achegar a traída municipal á beira da estrada autonómica AC-305 co que se permitirá abordar o futuro enganche para levar até O Araño a rede a través desta vía.
O prazo de execución neste caso será de 2 meses contados dende o día seguinte ao da firma da acta de comprobación do reformulo, quedando a empresa adxudicataria suxeita ao cumprimento de todas e cada unha das condicións sinaladas na súa oferta.
Conta atrás
Coa sinatura dos contratos as empresas adxudicatarias comezan a conta atrás para executar dúas obras que “forman parte das prioridades do equipo de Goberno”, como son impulsar avances en saneamento e abastecemento en todos os núcleos que carecen del a través do Plan de Obras (POS) da Deputación, explicaron fontes do Concello.