
Segundo recolle o Diario de Arousa, dúas lanchas ou “gomas” de narcotráfico apareceron varadas á primeira hora desta mañá nas praias de Espiñeirido e de O Vilar, en Ribeira. Foi un particular o que ao redor das 8.30 horas contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia para avisar de que no tramo ribeirense do areal de Espiñeirido había aparecido varada na zona da praia unha lancha, polo que se informou desa incidencia ao devandito servizo de coordinación, desde onde se procedeu a informar as Policías Local e Nacional, así como a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, acudindo tamén a dotación de garda do Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal (GAEM).
Segundo a información do diario vilagarciano, unha vez chegaron ao lugar os efectivos policiais, comprobaron que esa embarcación aparecida no litoral de Corrubedo era unha planadora de goma das que se adoitan utilizar para transportar droga, e que tiña dous motores Yamaha de grandes dimensións.



