
A Asociación de Mulleres do Barbanza (Mulleres en Acción) segue adiante este ano coas súas actividades divulgativas a prol da igualdade e en contra da violencia machista. Este mércores 15 de febreiro o colectivo organiza no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira (no Bar Plaza) un faladoiro feminista que xirará arredor de A Lei do “só si é si”.
Para a actividade contarase coa participación online de Paz Filgueira, maxistrada experta en Violencia de Xénero. O faladoiro dará comezo arredor das 20.00 horas. A entrada será libre.
A relatora
A ribeirense Paz Filgueira foi maxistrada titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, dende xaneiro do 2012 ata novembro do 2020.
Na actualidade é maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia de Santiago de Compostela.
Ingresou na carreira xudicial hai 22 anos. O seu primeiro destino foi Lalín, onde iniciou a súa actividade xurisdicional integramente en galego, tanto falado como escrito, e logo trasládase a Ferrol e a Santiago de Compostela, ata o ano 2012, cando comeza a prestar os seus servizos en Vigo.
Forma parte da Asociación de Xuízas e Xuíces para a Democracia e, dentro desta, coordina a Comisión de Violencia e tamén é integrante da Comisión de Igualdade. Ambas comisións están dedicadas a realizar estudos e informes acerca de materias relacionadas coa violencia sobre a muller, a prostitución e a trata de persoas.
Participa na formación de membros dos Corpos de Seguridade dentro do marco da Xunta de Galicia e tamén na Delegación de Goberno así como de Policía Local con función de seguimento de ordes de protección. Tamén participa na formación continua para funcionariado autonómico en materia de violencia e igualdade, e na formación continúa dos CIM de Galicia.
Forma parte da Comisión de Igualdade e estudos feministas do Consello da Cultura Galega, encargándose de realización de estudos, informes, así como xornadas formativas e divulgativas relacionadas coa muller e co seu papel social.



