O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou este venres 10 de febreiro a nova convocatoria de axudas do Plan de Emprego Local (PEL 2023), que este ano conta cun orzamento inicial de 7.654.000 euros para “apoiar a contratación de persoal, a realización de investimentos nos negocios e a sufragar os custos das cotas á Seguridade Social por parte dos autónomos”, dixo, engadindo que “estamos ante o PEL cun maior orzamento inicial”.
Valentín González Formoso explicou tamén que o PEL “permitirá seguir creando emprego e impulsar negocios con axudas de entre 1.000 e 45.900 euros a reactivación económica, o pequeno comercio, as persoas autónomas e microempresas”.
106 millóns de investimento e 5.376 empregos creados en sete anos
O PEL, engadiu o presidente, é unha aposta transversal do Goberno da Deputación ao que se veñen destinando 106 millóns de euros nos últimos sete anos. Grazas a este investimento (un investimento “sen precedentes”, dixo) na área de Emprego, desde a creación do PEL, a Deputación axudou a crear máis de 5.300 empregos, apoiou investimentos en máis de 2.000 pemes e microempresas, axudou a 1.130 autónomos e destinou máis de 20 millóns de euros en 4.472 axudas aos sectores máis afectados pola pandemia e a crise de prezos. “Esta aposta decidida polo emprego da Deputación da Coruña podería ser perfectamente extrapolábel á Xunta de Galicia, que ten 13.000 millóns de euros de orzamento fonte aos 200 da Deputación”, comento na presentación. O presidente declarouse tamén “especialmente orgulloso” da Rede de Centros de Coworking da Deputación, creada ao abeiro do PEL e que permitiu xa a 200 emprendedores e emprendedoras da provincia iniciar os seus proxectos de negocio titorizados pola Deputación “nun modelo único en España” baseado na especialización temática de cada un dos centros, o que permite fomentar sinerxías.
PEL 2023. Axudas entre 1.000 e 45.900 para contratación e investimentos
Co obxectivo de “chegar a un maior número de empresas” as axudas PEL 2023 veñen incrementado o seu orzamento inicial nun 5,43% respecto do ano anterior, ata os 7.654.000 euros. Así, dos 7.654.000 euros de orzamento do PEL, 3.894.000 euros destinaranse a subvencionar a contratación e ao mantemento de persoas traballadoras, 2.760.000 euros a financiar novos investimentos en pequenas empresas de recente creación e 1 millón á liña PEL-Autónom@s. “Prevemos que as distintas liñas de axudas podan chegar a uns 1.425 beneficiarios este ano, con axudas para contratacións e investimentos que van dos 1.000 aos 45.900 euros por empresa ou autónomos. Todas as axudas serán compatíbeis entre si”, afirmou Formoso.
Axudas máximas
PEL-Emprende Investimento 17.500€
PEL-Autónom@s 2.400€
PEL-Pemes Creación e Ampliación 15.000€
PEL-Pemes Mantemento 11.000€
Total: 45.900
PEL-Pemes
A liña PEL-Pemes Creación e Ampliación do cadro de persoal ve incrementado o seu orzamento inicial respecto da anualidade anterior, pasando de 2.500.000 euros a 2.894.000 euros, é dicir, un 15,76%.
Cada empresa poderá solicitar a subvención para a contratación dun/unha traballador/a durante un período máximo de 12 meses dentro da anualidade 2023, durante os cales a Deputación cubrirá ata o 70% dos custos salariais totais da persoa traballadora. O contrato poderá ter unha duración superior a 12 meses, pero a subvención sufragará unicamente os custos correspondentes aos meses do contrato incluídos dentro da presente anualidade. Se ben o contrato deberá formalizarse por unha duración mínima de 6 meses.
A contía máxima da subvención a conceder será o 70% dos custos estimados de contratación co límite de 15.000 euros para as contratacións a xornada completa.
Pola súa banda, as axudas de PEL-Pemes mantemento do cadro de persoal destinarán un millón de euros para sufragar o mantemento do posto de traballo indefinido creado ao abeiro da axuda PEL-Pemes Creación e Ampliación 2022.
A contía máxima da subvención a conceder será o 50% dos custes estimados de contratación co límite de 11.000 euros polo mantemento durante doce meses dun contrato indefinido a xornada completa no que a persoa contratada pertenza a algún dos colectivos vulnerábeis (inscrito como desempregado de longa duración nos Servizos Públicos de Emprego, muller, menor de 30 anos, maior de 45 anos ou persoa con diversidade funcional) e de 10.000 euros polo mantemento durante doce meses dun contrato indefinido a xornada completa ou a parte proporcional correspondente naquelas contratacións realizadas a tempo parcial.
1 millón de euros para apoiar aos profesionais autónomos
A Deputación da Coruña quere recoñece tamén “o importante papel” que xogan os máis de 80.000 persoas autónomas da provincia e continúa destinar un millón de euros, “trala boa acollida desta liña de axudas por parte das persoas traballadoras por conta propia das zonas máis rurais da provincia”.
Convócase unha axuda destinada ás persoas autónomas da provincia con menos de cinco anos de antigüidade na actividade empresarial e con domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes.
As persoas autónomas poden solicitar unha axuda máxima de ata 2.400 euros para sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social, é dicir, 200 euros por cada mes de cota subvencionábel. Fíxase tamén como requisito que a persoa beneficiaria solicite un mínimo de seis mensualidades de cotas sociais correspondentes o ano 2023, é dicir, unha subvención mínima de 1.200 euros.
PEL-Emprende, axudas para investimentos que melloren a competitividade
A liña PEL-Emprende Investimento, dotada con 2.760.000 euros, está destinada a autónomos, pemes e microempresas que conten como máximo con cinco anos de antigüidade e domicilio fiscal en calquera dos concellos da provincia da Coruña. As axudas cubrirán ata o 70% dos investimentos realizados en aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipos para procesos de información, cun importe máximo a conceder de 17.500 euros. Todos eles deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.
A principal novidade deste ano é “a ampliación do número de facturas que se poden presentar para xustificar o investimento, pasando de 3 a 5 por concepto contábel, atendendo ás demandas das persoas beneficiarias”, explicou o presidente.
A presentación de solicitudes permanecerá aberta ata o 10 de marzo ás 14.00 horas e realizarase de xeito telemático, a través da plataforma SUBTeL da Deputación: sede.dacoruna.gal/subtel/.