A Coruña acolleu este 1 de febreiro unha homenaxe institucional ao escritor Manuel Murguía co gallo do centenario do seu pasamento, que se celebra este 2 de febreiro. Na cita participaron a alcaldesa Inés Rey, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, entre outros persoeiros da cultura, a política e a investigación da nosa terra.

Os actos incluíron unha homenaxe no Cemiterio de San Amaro (onde repousan os restos mortais de Murguía) e unha cita institucional no Pazo de María Pita. No camposanto instalouse unha placa co epígrafe O primeiro é o noso idioma. El prométenos o porvir que procuramos.

Na súa intervención, o conselleiro anunciou que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades está a preparar unha edición especial co único discurso pronunciado en galego polo autor nos xogos florais de Tui de 1881. Amais, referiuse ao escritor como “un piar fundamental no esplendor creativo da lingua galega” que 100 anos despois do seu pasamento segue moi presente na cultura e na identidade galega. “A nosa obriga é facer o posíbel para seguir poñendo en valor o seu legado”, engadiu Román Rodríguez. Neste senso, puxo en valor o importante compromiso de Murguía con Galicia e destacou “o decisivo papel que desempeñou no impulso do Rexurdimento, na salvagarda do legado literario de Rosalía de Castro ou na creación da Real Academia Galega, da que foi o primeiro presidente”.

O académico de número e director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, repasou a vida e o legado de Manuel Murguía para abrir o acto institucional ao que lle seguiron as intervencións do presidente da Real Academia Galega e do conselleiro de Cultura.
A alcaldesa, Inés Rey, pechou a cita agradecendo á Real Academia a súa boa disposición para comezar os actos de conmemoración na Coruña, “na mesma cidade na que o despedía unha multitude hai agora cen anos, e na que descansará eternamente” sinalou a rexedora. Rey lembrou que o Concello da Coruña foi a primeira institución pública de Galicia en izar a bandeira galega o 25 de xullo de 1921 e destacou a importancia da Coruña como lugar de referentes galeguistas. A Coruña é o lugar onde xacen almas como as de Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Luís Seoane ou o propio Manuel Murguía porque atoparon en Santo Amaro o seu refuxio eterno e desde el, esta cidade lembrará sempre o seu labor e a súa pegada” concluíu.



