A edición 2022 de Youtubeiras está a piques de chegar á súa culminación: un peche de pano que promete facer historia en materia de contidos (cantidade e calidade) e participación. Este 24 de xaneiro presentáronse os detalles da gala de entrega de galardóns do certame, que, como lembraremos, é unha iniciativa organizada por dezaseis entidades (os servizos de normalización lingüística de Ames, A Baña, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña) co obxectivo de encher Youtube e outras redes sociais de vídeos en galego.
A gala
O broche final desta edición celebrarase este sábado ás 20.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo. Un total de 22 propostas finalistas aspiran a gañar este concurso nalgunha das súas oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. O certame repartirá 7500 euros en premios entre as persoas gañadoras, que recibirán un diploma acreditativo e unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.
“Para a nosa vila é unha gran satisfacción celebrar esta gala, xa que os Premios Youtubeiras son unha iniciativa que fomenta o uso da nosa lingua nunha xanela fundamental para comunicarnos, para mirarnos e para mirar o futuro: a creación de contidos na Rede”, sinalou Marcos Trigo, concelleiro de Cultura e Deportes de Carballo, nunha rolda de prensa na que tamén participaron Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras; Cristina Collazo, guionista e presentadora da gala, e Mario Brión (Olaxonmario), gañador do Premio Youtubeira/o en 2021 e membro do xurado. Trigo tamén puxo en valor “a colaboración institucional entre diversas administracións” na creación, organización e desenvolvemento do proxecto Youtubeiras. Tamén trouxo a colación unha serie de cifras que “retratan esta iniciativa dende a súa posta en marcha”, destacando que os vídeos participantes na primeira edición celebrada en 2017 foron 202, “mentres que a cifra subiu até superar os 500 en 2020”. Nas dúas últimas edicións, engadiu, “as bases do certame prestaron unha maior atención ás canles, de xeito que en 2021 concorreron 38 canles e no 2022, foron 75”.
Carme Pereiro, como coordinadora do proxecto, completou as cifras achegadas polo concelleiro. Á espera dunha análise polo miúdo das cifras de 2022, lembrou que na edición anterior as canles presentadas aglutinaban “2.600 vídeos, máis de 40.000 subscricións e máis de 2.743.000 visualizacións”. E engadiu: “Son números que dan boa conta do volume que acada a comunidade creadora de contidos da nosa lingua na Rede. Unha comunidade que nos enche de confianza no futuro e tamén de orgullo, de fachenda. E non só polas cifras, senón tamén pola calidade dos contidos e o variado das temáticas tratadas. Por iso, este ano os Premios Youtubeiras tiveron na frase Para Rede, a nosa o seu lema, un lema ben enérxico e ben decidido”, concluíu Pereiro antes de ceder a palabra a Cristina Collazo e lembrar que a música na gala correrá a cargo de LaMontagne e PicoAmperio.
A guionista e presentadora adiantou que “o sábado o Pazo da Cultura acollerá unha gala dinámica e interactiva” na que o público terá un “gran protagonismo”, na que se fomentará a “participación do patio de butacas” e que estará “chea de sorpresas”. E explicou: “Teremos como presentadora a Rafaela de Carral, que conducirá a gala ao xeito dun concurso televisivo”. Collazo rematou a súa intervención asegurando que a gala será “unha fantástica festa”. De feito, tras rematar a entrega, no Pazo da Cultura continuará a celebración con petiscos, posadoiro de vídeo 360º graos e música en galego a cargo de DJ Misa.
Finalmente, Mario Brión tomou a palabra para dar a perspectiva do xurado, que nesta edición estivo conformado tamén por Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías promotora da canle Teño unha horta en San Sadurniño; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. Na súa intervención, Mario Brión destacou “o amplo traballo que tivo que desenvolver o xurado este ano”, a diversidade temática desta edición e o complexo que resultou acordar o palmarés que se desvelará este sábado durante a gala. Rematou enxalzando o gran traballo das canles participantes, “polo seu esforzo e por tecer comunidade na creación dixital en galego”.
Relación de finalistas por categorías
1. PREMIO CANLE
2. PREMIO YOUTUBEIRA
3. PREMIO VÍDEO
A Moura, da canle Contos de Santalla
Bury your gays (Enterra aos teus homosexuais), de Henfunk Studio
Eduardita, de Piratas sen parche
4.YOUTUBEIRA/O REVELACIÓN
5. PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA
7. PREMIO PIONEIRO
7 PREMIO REDES:
8. PREMIO DO PÚBLICO
Bembibre coas Tanxugueiras, de Xabi Gómez e Sara
Mitos e ritos do tempo de Defuntos. Conversa con Lidia Mariño, de Orgullo Galego