“Un xove ucraíno de Cariño morre en Odessa, e os cariñeses pregan por el”. Antón Luaces

15 Xaneiro 2023

O mar do Barbanza sempre foi un referente para as vellas “tarrafas” que zarpaban anos atrás do antigo porto de Cariño para ir pescar sardiña a onde -ao dicir de Varela, o gran mestre de moitos mariñeiros cariñeses- tamén pescaban os “meiriños”.

Sempre me falou de Santa Eugenia. Nunca me dixo nada de Ribeira ou Santa Uxía. Santa Eugenia figuraba de sempre na súa derrota, e celebrou que, aló polos anos cincoenta e pico, a Banda de Música Garrote (banda de Ortigueira con moitos músicos de Landoi e Cariño) fora amenizar as festas patronais de Ribeira. E de vivir hoxendía, o Mestre -sempre vestido de azul mahón e boina negra, falangueiro e amigo de contar historias do seu pobo  e do mar- estou ben seguro que botaría un sorriso de satisfacción ao saber que a veciñanza de Cariño tributará este domingo, 15 de xaneiro, homenaxe de agarimo  ao conveciño Kostiantyn Zghirouski (“Kostya”) que morreu a mencida do 13 deste mes en Odessa.

“Kostya” tiña 27 anos. Era ucraíno residente en Cariño desde vai seis anos (poden ser seis meses) e deixa entre os cariñeses un ronsel de lembranzas que, estou seguro, van servir para que na igrexa parroquial do pobo as campás chamen a misa para honrar a un mozo defunto moi querido por todos. Será ás 12 do mediodía. E o chamado, que parte dos propios veciños dese pobo mariñeiro do Ortegal, queren que sexa nestes momentos tan duros para os ucraínos que malviven pola invasión e guerra que Putin decretou contra deles, unha sentida homenaxe a quen compartiu as vivencias locais xunto coas outras familias ucraínas que elixiron Cariño para, sen esquecer a súa terra e os seus familiares e amigos, refacer en Cariño as súas vidas, as que Putin e a división Wagner, rompeu.

Hei dicir que esta iniciativa calou fondo. Supoño que “Kostya”, ese mozo de 27 anos, debe ser o primeiro ucraíno que, residindo en Cariño, foi morrer a Odessa, terra en boa parte recuperada polas tropas  do país. Descoñezo que causou a morte deste home xove. Nen sequera sei se estaba en Odessa atendendo ao chamado para defender a súa terra da invasión rusa. Pero supoño que, fose o que fose e como fose, os cariñeses dan así, cunha misa, exemplo de amizade e recoñecemento de convivencia. E engado: síntome orgulloso de que o pobo no que nacín vai xa camiño dos 80 anos, resposte deste xeito e na medida que entende pode e debe facerse, á dor dos familiares de “Kostya”, que se sentirán arroupados pola veciñanza cariñesa no pobo que os acubilla e que eles elixiron porque a guerra os botou da súa terra.

Sexan seis meses ou seis anos,  Cariño -un pobo mariñeiro e galego que ten ao  Ortegal como punta de lanza entre o Atlántico e o Cantábrico- tributa a “Kostya” o recoñecemento de cariñés que xa non vai poder exercer como tal porque o frío inverno de Odessa o levou cando o galo afinaba o seu canto diario en Cariño.

Descanse en paz e que os seus familiares en Cariño atopen nos veciños a calor que lles quitou Putin.

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.