Rosa Quintana comproba as obras da lonxa e a confraría de Portosín e anuncia novos investimentos

02 Xaneiro 2023

A Consellería do Mar destinará este ano 4,6 millóns de euros a axudas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque. Así o anunciou este luns 2 de xaneiro a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita ao porto de Portosín (Porto do Son) na que comprobou algunhas das melloras realizadas tanto na lonxa como na confraría local ao abeiro desta liña de apoios ao sector.

Segundo fixo saber estas achegas están a ser co-financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e forman parte da estratexia de mellora constante destas instalacións e dos equipamentos portuarios para facilitar o labor diario dos profesionais do mar. Tamén explicou que destas axudas poden beneficiarse as confrarías de pescadores, agrupacións de interese económico do sector pesqueiro, organizacións de produtores pesqueiros (OPP), cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras e de redeiras, amais de administracións públicas con competencias en portos para proxectos dirixidos á pesca costeira artesanal. O obxectivo é facilitar o desenvolvemento de accións como por exemplo traballos para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente e da seguridade así como das condicións de traballo das persoas pescadoras. Ao mesmo tempo fináncianse iniciativas que favorezan a conservación das descargas de peixe e marisco, a súa rastrexabilidade (trazabilidade), a selección ou a etiquetaxe.

En Portosín

Respecto de Portosín, Quintana recordou que a última edición destas axudas permitiu desenvolver dous proxectos de mellora de distintos equipamentos no porto da vila. O primeiro deles, cunha axuda de preto de 100.000 euros, consistiu na adquisición dun guindastre móbil para facilitar as descargas de peixe, “o que contribúe a mellorar as condicións de seguridade e de traballo dos profesionais da lonxa local”, mencionou.

O segundo investimento, cunha achega de máis de 60.000 euros, permitiu instalar placas solares fotovoltaicas no teito e na contorna da fábrica de xeo da confraría. “Esta medida mellorará a eficiencia enerxética da instalación e permitirá un aforro que roldará o 40%”, explicou.

Á marxe dos proxectos ao abeiro desta liña de axudas, a Consellería do Mar, Quintana lembrou que a través de Portos de Galicia, estanse a tramitar os traballos para o reacondicionamento e mellora da estanquidade da lonxa de Portosín. As actuacións, xa contratadas por máis de 170.000 euros, consistirán na renovación da cuberta (que se substituirá por outra con materias máis modernos e resistentes), a mellora dos canlóns e baixantes, o pintado e selado das fachadas e o pintado de zonas interiores do inmóbel como as oficinas.

Outros artigos

Santiago Llovo presentou o libro “A salga en Cee e Dumbría”

O xornalista Santiago Llovo, un dos grandes expertos da actualidade na nosa rica historia pesqueira, conserveira e mariñeira, presentou en Dumbría, este xoves 10 de outubro o seu libro A salga en Cee e Dumbría. Interviñeron na presentación (acompañando ao escritor) a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Emerxencia social” – José Manuel Pena

“Emerxencia social” – José Manuel Pena

Segundo o último informe do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), entre os meses de abril e xuño do ano en curso, executáronse 5.874 desafiuzamentos por falta de pagamentos de alugueiro e uns 469 por execucións...

“El Teatro y los días”. Alberto Barciela

“El Teatro y los días”. Alberto Barciela

El teatro es espejo de la vida o de las costumbres, se aventura como oráculo, o arriesga incluso en vanguardias imprevisibles, en inverosímiles utopías, o no, con sencillez opta por  disimular angustias entre humoradas; por algo más de una hora actúa cual eficaz...