O Concello da Pobra do Caramiñal fixo balance da actividade xerada pola cidadanía en relación aos colectores de aceite doméstico distribuídos no termo municipal, nos que se recolle o dito produto en envases pechados de plástico (para evitar que se derramen). Trátase de 15 contedores específicos na vía pública do concello e 1 situado na Praza de Abastos, ademais do punto limpo do Polígono da Tomada.

En total, recolléronse 5.086 quilogramos durante o pasado exercicio, unha cifra que contrasta cos 7.115 quilogramos de 2021. A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), apunta que “esta redución fíxose especialmente notábel nas unidades que hai na rúa e que se constata, logo de consultada a empresa xestora deste residuo, que esta situación produciuse noutras localidades, polo cal considérase como principal causa o encarecemento dos aceites vexetais que redunda nunha diminución da cantidade por empregar ou no incremento da súa reutilización”.
O aparcadoiro do recheo sitúase á cabeza da lista coa colecta de 885 quilogramos, seguido da zona verde da rúa Barrantes, da urbanización O Lagar, con 670; na rúa do Curraliño, na esquina da casa da cultura Raquel Fernández Soler, 520; no lugar da Covecha, fronte ás pistas de tenis, 420; no lugar de Caíños, fronte ó bar O Campiño, 400; no lugar da Costa, fronte á panadaría O Forno do Maño, 345; no lugar da Virxe do Monte, xunto á capela, 260; na zona verde da rúa Lamas e Andrés, 260; na rúa de Venecia, nas proximidades do paseo dos Areos, 240; na explanada da Pedreira, no Camiño Ancho, 235; na rúa Venecia, xunto á pista deportiva, 200; na rúa da Angustia, xunto a Muebles Lijó, 160; na Ribeiriña, xunto á marquesiña do bus, 145; na estrada de Lesón, xunto ós contedores amarelo e azul, 110; e no parque do Castelo, fronte ó bar O Facho, 105. A maiores, 87 quilogramos correspóndense coa praza de abastos e 44 co punto limpo.
O destino final deste líquido graxo é o aproveitamento para a produción de biocarburante, o cal xerou en 2022 un aforro de 15’22 toneladas das emisións de CO². Así mesmo, por non se desbotar polos sumidoiros, evitouse a contaminación de 5583’31 metros cúbicos de auga.