A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou esta mañá na feira internacional de turismo de Madrid, Fitur 2023 a nova campaña de promoción do sistema náutico galego que ten como lema Amárrate a Galicia. Esta iniciativa busca difundir e por en valor os portos deportivos galegos como porta de entrada
dos navegantes ao conxunto do territorio galego, establecendo sinerxías entre o sistema portuario e os axentes turísticos de toda a comunidade.
Neste sentido, a conselleira -que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e por directivos de Asnauga e Marinas de Galicia- enxalzou o potencial dos 30 portos deportivos e 70 instalacións náuticas autonómicas. Ademais, destacou a importancia dos seus servizos “en constante dinámica de mellora e con medio centenar de distincións de calidade”, entre as que se atopan as bandeiras azuis, as Q de calidade e as certificacións EMAS e Gold Anchor.
Nesta liña expuxo que, para dar visibilidade á calidade destas instalacións, a Xunta de Galicia incorporou novidades na Guía Náutica de Galicia online que se pode consultar a través da páxina web www.guianauticadegalicia.gal. Esta ferramenta conta con toda ainformación sobre os portos deportivos estatais e autonómicos e nela Portos de Galicia incluíu un apartado de información turística de consulta áxil coas referencias máis destacadas na contorna de cada peirao.
Deste xeito, sinalou Rosa Quintana, os navegantes poden coñecer os reclamos turísticos máis emblemáticos “a só unha hora do barco” pois os portos galegos son a porta de entrada de moitos visitantes a atractivos turísticos como a Catedral de Santiago, as Fragas do Eume, o Santuario da Barca, o Castro de Baroña, o Dolmen de Axeitos, o Parque Natural de Corrubedo ou o Mosteiro de Armenteira, entre outros.




