“Outro Plan da UE, este de Acción, talvez encamiñado a afundir máis á frota de arrastre”. Antón Luaces

E por máis que doa dicilo, gaña o ecoloxismo. Este luns, 30 de xaneiro, vai celebrarse en Bruxelas unha nova sesión do Consello de Ministros de Agricultura e Pesca, ao que asistirá o titular deste departamento en España, Luis Planas.

Descoñezo que asuntos van tratar os representantes da Unión Europea, pero en calquera de ambos os aspectos España vai verse concernida debido a que tanto en materia agrícola como na da pesca, sempre nos dan de cheo as decisións que se adopten na capital comunitaria.

Sexa como fose, compre pensar na frota de Galicia e, nomeadamente, nos barcos de arrastre que, como xa é sabido., non poderán faenar no 30% das augas da UE debido a que, a partir do ano 2030 (ás volta da esquina) esta porcentaxe dos caladoiros estarán prohibidos (de non  se producir unha modificación no texto do Plan de Acción para a conservación dos recursos pesqueiros e proteción dos ecosistemas mariños que a Comisión Europea vai presentar no mes de febreiro).

Este Plan de Acción non é, pollo de agora, nada máis ca un borrador. Admite, polo tanto, que se produza algún cambio. Pero o sector galego da pesca de arrastre -o máis prexudicado agora mesmo polo devandito Plan- debe ir poñendo a secar os panos dos seus aparellos porque a Comisión Europea considera a pesca de fondo -en concreto ao arrastre- como unha das actividades máis agresivas para os fondos mariños e os seus hábitats.

O informe, de case que 30 páxinas, sinala que os océanos e mares europeos e, en particular os seus sedimentos, son un importante sumidoiro natural de carbono, e subliña que cada vez é máis sabida a importancia que ten para o cambio climático o feito de almacenar e manter o carbono nos hábitats mariños. Para isto non deixa Bruxelas outra saída ca de reducir o impacto da actividade humana nos hábitats sensibles e acadar unhan sostibilidade da pesca.

En resumo, o plan estabelece dende un principio  onde hai que actuar para  abordar as capturas accesorias de especies sensibles e os afectos adversos nos hábitats sensibles  mediante a aplicación de medidas técnicas como os peches de zonas, os cambios de artes de pesca e as medidas de mitigación para as especies sensibles. Ao facer que a pesca sexa máis sustentable. O plan  contribúe -disque- a un dos principais obxectivos do Pacto Verde Europeo: protexer os ecosistemas mariños e a súa biodiversidade.

Deste xeito da por feito que se protexen os fondos mariños dol 20% das augas comunitarias durante este ano, para acadar en 2030 a proteción do 30% xa citada.

Previamente deberán ser identificadas as zonas nas que se prohibirá a pesca de fondo móbil, tendo en conta os compromisos dos Estados membros.

Nada se ten decidido, ao menos oficialmente, en torno ao uso das que se cualifican como “cortinas da norte” que, aínda que prohibidas, seguen a ser usadas por frotas do Mediterráneo europeo, ao igual que se permite a pesca eléctrica ou a captura con redes de especies migrantes como o bonito.

O sector pesqueiro galego está cada vez máis convencido de que, dende o momento en que, no ano 1986, España accede á CEE, o principal obxectivo foi reducir drásticamente a frota pesqueira española. Camiño de se cumprir os 50 anos dese acceso, a Comisión Europea pode considerar chegado o momento de que se cumpran aquelas previsións, eliminando o qauie consideran sobrante. Tempo ao tempo.