Os socialistas de Ribeira, a través do seu concelleiro-portavoz José Manuel Vilas Álvarez, presentaron ao pleno da Corporación un rogo relativo á rúa 1 Cubeliño, pavimentada con aglomerado asfáltico en datas recentes e á que se lle incorporou un paso de peóns que o PSOE local considera que ten “unha localización non axeitada”. As razóns que esgrimen radican no seguinte: “O paso de peóns está situado a escasos 20 metros dunha curva moi pechada, e conduce dunha beira ao acceso de entrada de vehículos da urbanización en planta soto, co risco que isto implica polo fluxo de coches saíndo e entrado sen a visibilidade axeitada”.

Ademais, explican que o dito paso de peóns tampouco “esta debidamente sinalizado para os condutores dos vehículos, sen sinal vertical nin horizontal previa”.
Noutra orde de temas, os socialistas lembran o importante crecemento experimentado polo do barrio de Cubeliños a longo destes últimos anos, un proceso de “relevante importancia”, tanto en edificacións como en dotación de servizos, mediante aparcamentos disuasorios e rúas varias”. Ditas rúas están, ao entender do PSOE de Ribeira,” nomeadas inadecuadamente”, xa que levan a moita confusión: rúa 1 Cubeliños, rúa 2 Cubeliños, rúa 3 Cubeliños (abranguendo urbanizacións e camiños varios).
En virtude do exposto anteriormente, o grupo fai o seguinte rogo:
-Que por parte de quen corresponda, delegación de tráfico, e urbanismo, ou alcaldía, sexa realizada unha revisión do emprazamento do paso de peóns devandito, e a súa boa sinalización tanto horizontal como vertical.
-O pintado da liña divisoria da calzada da rúa 1 Cubeliños.
-Unha valoración do rueiro actual, e a posíbel variación da nomenclatura das rúas, de acordo co crecemento do barrio e nomealas acorde coa configuración urbana, praza … (1a urbanización), praza … (2a urbanización), rúas … (camiño de Fafián a Frións), eliminando posíbeis confusións numéricas.