O Portal da Lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística compartiu estes días unha manchea de novidades que poñen o foco en achegar contidos dixitais ás novas xeracións ao tempo que reivindican o uso do galego. Trátase dos Audiocontos para novos tempos, de Ademar Silvoso, de A cociña de Media Laranxa, de Mayaipa SL; e da serie audiovisual Adestra a túa lingua, de Suseia SCG. Trátase de tres iniciativas culturais realizadas para TCRedes en galego, ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022 da Secretaría Xeral.
Os Audiocontos para novos tempos
Ademar Silvoso ofrécenos nesta mini-serie cinco audiocontos en formato MP3 e unha sesión de meditación para nenas e nenos que poderán desfrutar sós ou en compaña de adultos. Trátase, segundo salienta Política Lingúística, de “historias narradas cunha linguaxe clara, cargadas de fantasía e mais dun trasfondo educativo de novos valores, tales coma a integración en diversidade funcional, as frustracións na aprendizaxe, novos modelos familiares, mesmo problemas cotiáns aos que se enfrontan os cativos nas escolas ou na procura da súa identidade”.
A cociña de Media Laranxa
A cociña de Media Laranxa é unha miniserie web de 4 episodios nos que Noemí García mostra como facer receitas veganas e outras tradicionais da nosa terra paso a paso. Ademais, cada programa conta cun espazo especial (chamado A Larandica) destinado a presentar palabras en galego relacionadas co mundo da cociña (termos pouco coñecidos, palabras que adoitamos dicir en castelán, diferentes nomes para un mesmo produto ou obxecto, curiosidades sobre a orixe de certas palabras…).
A cociña de Media Laranxa é un extensión dun proxecto que naceu nas redes sociais da man da filóloga galega Noemí García en 2020, en plena pandemia, chamado Media Laranxa, onde se combinan receitas con ensinanzas da nosa lingua.
Adestra a túa lingua
Adestra a túa lingua é unha serie audiovisual que axuda á mocidade galega a resolver as súas dúbidas sobre deporte. “Coa serie de vídeos Adestra a túa lingua queremos achegar á xuventude información sobre o deporte, derrubar mitos sexistas e normalizar e fomentar o emprego de termos técnicos deportivos en galego que son pouco populares e coñecidos”, explican os responsábeis do proxecto, as e os integrantes de Suseia SCG.