“O pan necesario”. Luís Celeiro

19 Xaneiro 2023

Daquela, cando Basilia era unha rapaza, unha moza de dezaoito ou vinte anos, o pan cocíase en fornos de leña e a masa era de trigo, de centeo ou de millo, levedaba na artesa da cociña, á calor da lareira, ao carón do lume que, coa luz súa, cocía o caldo para o xantar da xente da casa. -De que era o caldo?, preguntaba unha das convidadas. -Nesta ocasión, fixémolo de fréxoles, dixo a ama. Pero o caldo de verdade é de verzas, aínda que sexan rizadas, de repolo ou da col plantada na horta da eira, onde pisa e come o gando, onde repousa a besta, esperando que chegue o cabalo. Na eira, aí ao lado, onde se fai a meda do pan.
“Con pan e viño ándase o Camiño”, dicía un refrán dos vellos, dos máis sabios do lugar, daqueles que se descubrían erguendo a pucha, que inchaban o peito e, por arriba da escuridade, miraban para un tempo novo que nunca chegaba. Querían un mundo diferente e mellor para eles, para os fillos, para os netos e para a veciñanza.
Querían un mundo no que todos puideran falar, traballar e comer pantrigo. Víano ao lonxe, sempre igual de lonxe. Mentres tanto comían broa, dese pan de millo do que tanto falan os expertos gastrónomos multimedia, que ofertan e ensinan receitas por millares, a través dos distintos medios de comunicación e das súas redes sociais. É curioso e de agradecer. Moitos deles saben que a fariña é grao moído. E, do muíño saben pouco, se acaso algúns versos, como estes do poeta Fiz Vergara Vilariño, … Fálame ti, vello muíño, / meu bon albeiro proletario, / cobillo de amores á beira da fonte …
Agora, fan pan os panadeiros e, na casa, moitos dos consumidores. Xa ninguén pide pan prestado nin se lembra de cando estaba balorecido e amofado, estragado polo tempo e a miseria. Temos para comer e presumir pan bo e moi bo en Galicia, de trigo, de centeo e de millo. Pan que todo el é como o pantrigo. Temos quen nos fala do pan de cebada, de avea, de soia, de escanda, de arroz ou de quinoa, pero como di a Tía Manuela, “gústanos que o pan sexa pan”.
O pan é saudable acompañante sempre, é para comer con sardiñas ou con torresmos
asados, para comer con salmón afumado, con ovos fritos e arroz requentado, con mel de uz
ou de mil flores, con queixo fresco ou ben curado, con marmelo, carne de boi ou á prancha
tostado. Para as sopas de leite, para as de allo e para as de viño, as sopas de burro cansado.
Pan para cada día, para o almorzo, para o xantar e a cea, para a fartura, para o camiño e
para a parada. E, moi especialmente, para eses millóns de persoas que teñen fame. Os que
mandan na produción e na distribución de alimentos, que se expliquen, que funcionen e
que axuden a facer xustiza social, aínda que só repartan algo para facer o pan necesario.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...