Charo Pita e a Familia Papaventos van estar este mércores 4 de xaneiro en Boiro para ofrecer un espectáculo para a rapazada abeirado ao programa cultural do Concello neste Nadal. Será na Carpa Solidaria da praza de Galicia, a partir das 18.30 horas. Trátase da función Tranvía Nadal, que nos leva ao País do Vento e a un comboio (o Treno do Ano) que é longo e nunca para (pasa por 4 estacións, 12 meses, 52 semanas, 365 días… moito traballo para un só tren). Porén, en decembro descansa e polas súas vías da vida troupelea un tranvía, pequecho, brillante, especial, cheíño de sorpresas e agasallos. “É un tranvía que vai vestido de festa: o Tranvía Nadal”, explican Charo Pita e a Familia Papaventos, engadindo que este vehículo “garda tantas marabillas que até o sol devece por descubrilas”.




