O Claustro do IES Nº1 solicita a incorporación dun docente que cubra as importantes demandas do alumnado estranxeiro

31 Xaneiro 2023

O profesorado do IES Nº1 de Ribeira emitiu un comunicado no que pon de manifesto as necesidades actuais deste histórico centro educativo da nosa comarca, que xa ten ás súas costas máis de medio século de vida e que, tradicionalmente, foi o centro docente de referencia na contorna do Barbanza. No comunicado o Claustro quere deixar constancia, ante a Inspección Educativa e a Xefatura Territorial Provincial de Educación, “da situación deficitaria en recursos humanos que se vén producindo nos últimos cursos e que impide dar unha resposta satisfactoria á demanda educativa de formación do alumnado de nova incorporación procedente doutros países”.

Segundo explican, nos últimos anos e acordo cos cambios económicos e sociais ocorridos na comarca, e en xeral en todo o país, estase a recibir nos centros educativos cada vez máis alumnado de orixe estranxeira, alumnado que en ocasións chega “fóra dos prazos de matrícula” e “sen coñecer nin unha palabra de galego ou castelán, polo que se fai prioritario alfabetizalos nalgunha desas linguas”.

O Claustro recorda que a normativa contempla a creación de grupos de de adquisición de linguas para este tipo de casos durante un prazo de 3 meses prorrogábeis, durante os cales os alumnos e alumnas poden ter ata 24 hora de atención semanais (o total son 32 horas). “Agora ben”, explican, “unha das condicións para crear estes grupos é que a súa docencia se cubra con profesorado do centro, pero tendo en conta que no noso caso temos 4 alumnos/as nesta situación que se matricularon despois do comezo do curso, todo o profesorado do centro tiña xa cuberto o seu horario cando chegou ese alumnado, polo que non é posíbel adxudicarlle ese grupo e esa carga horario a un profesor da plantilla”. Este é motivo polo que solicitan da administración “que se nos dote de un docente para cubrir as necesidades deste alumnado e deste xeito permitirlles unha integración real, e non nominal, no sistema educativo, de xeito que poidan ter a posibilidade de seguir nel despois da etapa de escolarización obrigatoria se así o desexan”.

Ao fío do dito requirimento, o IES enviou á Inspección Educativa unha solicitude específica, asinada este 27 de xaneiro. Nela, indícase “que a Consellería de Educación está a descoidar a atención a este alumnado, que se fai tan necesaria para que poida integrarse canto antes ás actividades de aprendizaxe correspondentes aos seus cursos e niveis ordinarios, un alumnado que, ademais, paseniño acábase por desvincular do centro educativo ou por acumular reiterados problemas de absentismo, derivados, sen dúbida, do reducido interese que as clases poden exercer nel”.

E engaden na súa petición: “O Claustro e o Consello Escolar do centro reclamamos á administración educativa que atenda as necesidades educativas expostas e proporcione os recursos necesarios para atender esta situación. Sería o caso, por exemplo, dun/ha docente de linguas destinada/o á atención dese necesario grupo de adquisición de linguas. Desta maneira, o seguimento e a aprendizaxe das linguas vehiculares do noso territorio terá un carácter moito máis inmersivo, sistemático e didacticamente estruturado, ao obxecto de que esta medida extraordinaria teña un verdadeiro efecto inmediato e que, asemade, o alumnado se sinta parte real do noso centro educativo, xerando actitudes positivas e non de aversión ou rexeitamento”.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reforza o alumeado público na rúa de Galicia

O Concello de Ribeira informou dun reforzamento do alumeado público nalgunhas contornas do centro urbano da cidade, concretamente no treito da rúa Galicia comprendido entre o Mercado Municipal e o cruzamento co Parque García Bayón. Segundo informaron fontes do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...