A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciou a apertura, este mércores 11 de xaneiro (e por un período de 15 días hábiles) do prazo de presentación de solicitudes para poder pescar lamprea no río Ulla durante a vindeira tempada, segundo figura na Orde que regula a práctica desta actividade que publica este 10 de xaneiro o Diario Oficial de Galicia.

Segundo se especifica, as persoas interesadas en traballar a lamprea nas pesqueiras tradicionais do Ulla (28) deberán estar en posesión da correspondente licenza de pesca e contar co permiso de cuarta categoría para cada día e pesqueira. Xunto cos permisos entregarase un libro de rexistro de capturas que deberá ser “debidamente cuberto” e que estará sempre a disposición das autoridades competentes e, unha vez rematada a tempada, terá que ser enviado ao Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra.
Tal e como establece a orde, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla expedirase a licenza das clases A ou B, segundo corresponda, na que se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a pesqueira na que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no Anexo I da orde publicada este 10 de xaneiro.
Segundo a normativa, o período hábil de pesca da lamprea no Ulla para o vindeiro ano será nas pesqueiras de Areas (Herbón), do 16 de xaneiro ao 8 de abril, e no tramo comprendido desde a pesqueira As Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón), ambas incluídas, do 30 de xaneiro ao 22 de abril. No que atinxe ao tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis), todas incluídas, será do 6 de febreiro ata o 6 de maio.
Polo que respecta aos horarios, as redes só poderán estar colocadas desde as 20,00 horas ata as 08,00 horas, quedando prohibida a realización dos labores de pesca entre as 08,00 horas dos sábados e as 20,00 horas dos luns.