Licitada a modernización da potabilizadora de Padrón que permitirá blindar o subministro de auga aos concellos da comarca

20 Xaneiro 2023

A Xunta licitou por importe de case 9 millóns de euros as obras de ampliación e modernización da potabilizadora de Padrón que permitirán aumentar un 40% a capacidade de tratamento e blindar o subministro de auga aos 10 concellos conectados.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presentou esta mañá en Padrón este proxecto, que permitirá mellorar do abastecemento do sistema da marxe dereita da ría de Arousa.

Vázquez Mourelle explicou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación destas obras na potabilizadora de Padrón, que abastece a marxe dereita da ría de Arousa.

As empresas interesadas nos traballos teñen ata o 7 de marzo para presentar as súas ofertas. A partir de aí, sinalou, traballarase para comezar as obras no último trimestre do ano, cun prazo de execución de 18 meses, ao longo do cal se irán poñendo en servizo os distintos elementos de xeito progresivo.

No que se refire ás obras, a Xunta asume integramente o financiamento e execución da ampliación da estación de tratamento de auga potable, no marco dun convenio de colaboración co Concello de Padrón, que recolle un investimento global de 10 M€; o Concello, pola súa banda, asume as xestións e trámites necesarios.

A ampliación e modernización da potabilizadora permitirá blindar o abastecemento futuro de auga aos 10 concellos da marxe dereita da ría que están conectados a este sistema.

A titular de Infraestruturas precisou que estas instalacións subministran actualmente auga aos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Valga e o propio Padrón, estando tamén conectado o concello de Vilagarcía de Arousa.

Apuntou que o obxectivo dos traballos é aumentar a capacidade de tratamento da planta ata os 630 l/s, fronte aos 450 l/s que subministra agora.

Remarcou que a actuación permitirá superar as actuais limitacións no subministro e ofrecer maiores garantías de abastecemento a unha poboación de máis de 90.000 habitantes, en previsión dun futuro incremento da demanda.

A conselleira tamén fixo fincapé en que este tipo de actuacións son importantes para estar preparados para afrontar con maiores garantías posibles situacións de falta de auga, que Galicia padece cada vez con máis frecuencia como consecuencia do cambio climático; contribuíndo, ademais, a incrementar a competitividade e a actividade económica destes concellos da marxe dereita da ría de Arousa, que verán garantida as posibles demandas de auga coa execución desta obra.

Para iso, ampliarase a potabilizadora situada nas proximidades do núcleo de Casal, na parroquia de Carcacía, ao carón do río.

Tamén se modernizará e fará máis eficiente dotándoa dun sistema para a recuperación da auga de lavado de filtros que actualmente son verteduras ao río Ulla

Outros artigos

Na Pobra o espírito do Nadal xa se vive no CAD

Comeza o mes de decembro e o CAD situado na Pobra do Caramiñal xa ten todo preparado para o Nadal. De feito, neste día 1 deron a benvida oficial a esta época festiva.Un trineo, unha casiña de xenxibre ou a caixa de correo para os Reis Magos son algúns dos elementos...

+

O Nadal vivirase tamén nas parroquias da Pobra

As parroquias do termo municipal da Pobra do Caramiñal gozarán tamén de actividades de Nadal dirixidas á rapazada que impulsa a Concellaría da Participación Veciñal. A edil Amparo Cerecedo manifestou que o se busca é “descentralizar as accións lúdicas do núcleo urbano...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

O falar das pedras é moito falar. Din o que saben, o que pasaron e o que será. As pedras gardan as mensaxes do tempo, as raias dos anos, dos miles e millóns de anos e cóntannolo aos que as escoitamos, aos que as miran e as queren. Millóns de anos escribindo e deixando...