Este sábado 21 de xaneiro vaise celebrar a primeira etapa da clásica regata invernal Liga de Cruceiros Ría de Arousa. Os clubs Arousa Norte (A Pobra), Ribeira, Rianxo e o centenario Real Club de Regatas de Galicia (Vilagarcía) axuntan forzas para poder levar a cabo este evento co fin de promulgar as regatas entre a frota da ría.
Esta primeira etapa, con saída desde A Pobra, está organizada polo Club Náutico Arousa Norte (A Pobra), que en palabras do seu secretario, Fernando Sánchez, agradecía a disposición dos demais
co-organizadores a levar esta regata a bo porto: “Para un club como o noso, cunha traxectoria tan curta, é unha honra poder compartir a organización deste evento con clubs tan importantes como o de Ribeira, que se une nesta edición, Rianxo ou o Real Club de Regatas de Galicia que é o club máis antigo de Galicia”.
A Liga de Cruceiros, que se inicia este sábado, contará con 6 etapas, unha cada dúas semanas cunha proba en cada un dos portos dos clubs organizadores. As regatas, en formato costeiro, consistirán en percorridos polo interior da ría de entre 8 e 15 millas dependendo das condicións meteorolóxicas.
Entre os contendentes e favoritos á vitoria atópanse os vencedores da anterior edición: o Corsario, do CY de Vilagarcía, o Cámping Ria de Arousa do CN Arousa Norte e o Galopín, do CND de Ribeira.