O Concello de Ribeira vai dar continuidade ás consultas cidadás abertas coa veciñanza para fomentar a participación en proxectos relevantes. Desta volta púxose en marcha un proceso de diálogo, sondaxe e comunicación para coñecer as opinións da cidadanía das diferentes parroquias con vistas á aprobación, o vindeiro mesmo, das actuacións incluídas no Plan e Obras e Servizos da Deputación (POS 2023).

A consulta materializarase a partir deste 16 de xaneiro a través dun formulario habilitado na páxina web do Concello de Ribeira (www.ribeira.gal), no que os veciños maiores de idade teñen a oportunidade de trasladar cales consideran as actuacións prioritarias na parroquia onde viven. A consulta estará aberta ata a medianoite do domingo 22 de xaneiro.
Ribeira pode destinar esta vez 1.150.000 euros a obras no POS 2023, plan que debe ser aprobado na primeira quincena de febreiro.
O ano pasado incluíronse no POS as cinco actuacións máis demandadas pola veciñanza na consulta que se realizou. Consistiron na creación dun parque infantil cuberto en Carreira, unha zona recreativa nos campos de Saamil (Corrubedo), un parque infantil en Artes, unha nova grada no campo de herba sintética da Fieiteira e a renovación da pavimentación da rúa da Cambra en Palmeira.



