A Marea Cidadá de Noia emitiu un comunicado no que pide “solucionar o caos creado no
aparcadoiro da rúa Xuíz Falcone”. Segundo critican, tras caducar as concesións do lado esquerdo do andar -1 do estacionamento, os carteis de “reservado” continúan colocados, “xerando confusión entre os veciños e veciñas e provocando que queden baleiras”.
A xuízo da Marea Cidadá, provocouse unha situación na que a veciñanza no sabe onde
poden aparcar e onde non. “Neste momento, as prazas do lado dereito xa figuran como de uso libre,
pero as da beira esquerda continúan, malia non ter ningún usuario asignado, co cartel de reservado, malia levar todos estes espazos once días baleiros, a excepción do uso irregular dos seus anteriores usuarios, o que está a provocar unha gran confusión”.
A Marea sinala no comunicado que Noia é “unha vila con moito comercio e o uso dos aparcadoiros resulta fundamental”. E engade: “Atopándonos neste momento nunha época de compras importantes, entre o final do Nadal e o comezo das rebaixas, Noia non se pode permitir esta perda de aparcamentos por desleixo e falta de previsión do Goberno”.
Así, dende a Marea Cidadá reclaman ao alcalde Santiago Freire e ao seu equipo “que retiren, coa maior das urxencias, o cartel de reservado de todas as prazas non asignadas da -1 do aparcadoiro da rúa Xuíz Falcone, ate que se convoquen e asignen aos seus novos usuarios”.
