A Marea de Noia, crítica co Concello por considerar que a obra de Abastos está paralizada por irregularidades nos pagos

19 Xaneiro 2023

A Marea de Noia emitiu un comunicado no que asegura “que a obra da Praza de Abastos está paralizada debido a irregularidades no pago das facturas”. Ademais, na información do grupo de esquerdas indícase que “o Goberno municipal prohibiu que a asesoría técnica contratada pola Marea de Noia para a fiscalización dos traballos na Praza de Abastos estudase as certificacións de obra que contan con informe negativo de intervención”.

Nun plano máis concreto, dende A Marea din ter recibido este mércores 18 de xaneiro a notificación do Executivo local na que “nega a copia das certificacións de obra á asesoría técnica contratada polo grupo municipal para a fiscalización da obra que conta con catro reparos da intervención municipal nos que se asegura que non se pode comprobar a veracidade das certificacións”.

O voceiro da Marea engadiu o seguinte: “Algo grave ten que estar acontecendo cando unha vez solicitada a copia do expediente paralízase a obra”. Ao seu xuízo, isto causa un grave prexuízo ás traballadoras e traballadores da Praza. “Estamos falando de máis de 400.000€ que saíron das arcas municipais sen fiscalización”, sinala Manolo Seijas dende a agrupación local, engadindo que “non hai precedentes de algo así no Concello, sempre lles custa darnos a documentación, pero saben que a lei os obriga e sempre nos dan copia de todos os expedientes, non entendemos como neste non”.

Dende A Marea tamén aseguran que no vindeiro pleno presentarán unha batería de preguntas ao
Executivo relacionadas con este asunto, e denunciarán o asunto á Xunta Consultiva, organismo encargado da vixilancia e control das licitacións públicas.

Comentan asemade que “unha obra de 833.250,50 € non se pode realizar deste xeito, con irregularidades e sen transparencia”. E conclúen: “Tanto usuarios como traballadoras da Praza lle teñen manifestado varias queixas ao respecto sobre a execución da obra, moitos deles non saben cal vai ser o seu posto definitivo e están nunha situación de vulnerabilidade total”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

O falar das pedras é moito falar. Din o que saben, o que pasaron e o que será. As pedras gardan as mensaxes do tempo, as raias dos anos, dos miles e millóns de anos e cóntannolo aos que as escoitamos, aos que as miran e as queren. Millóns de anos escribindo e deixando...