
O Concello de Dodro celebra o acto de entrega do Título Honorífico de Filla Adoptiva, de xeito póstumo, á poeta Rosalía de Castro, o cal terá lugar este sábado, 17 de decembro, ás 12.00 horas no Auditorio da Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón.
A distinción foi outorgada polo Pleno da Corporación Municipal de Dodro, o 11 de agosto de 2022, á senlleira poeta como recoñecemento tanto pola súa relevancia literaria e cultural como pola contribución á promoción e notoriedade de Dodro.
No acto homenaxe deste sábado intervirán Anxo Angueira Viturro -presidente da Fundación Rosalía de Castro-, Xabier Castro Tourís -alcalde do Concello de Dodro-, Xoán Xosé Vicente Franco -concelleiro de
Cultura e Patrimonio de Dodro- e Manuel Lorenzo Baleirón -escritor-. O evento estará amenizado coa música de SECHO.
O Concello de Dodro desexa convidar á veciñanza da Comarca do Sar a compartir un acto tan emotivo e simbólico pois Rosalía de Castro é de Dodro, de Galicia pero, sobre todo, é universal; e este nomeamento supón un acto de xustiza social polo traballo da poeta na defensa da nosa lingua e cultura.