O Concello de Lousame vén de pechar as inscricións no Pequetrail, unha proba gratuíta programada para a tarde deste sábado 3 de decembro e que vai dirixida a corredores e corredoras nadas entre os anos 2005 e 2017. As inscricións, segundo informan fontes do Concello, saldáronse coa cifra récord de 86 rapaces e rapazas inscritos, sobre un cento de prazas dispoñíbeis.
O concelleiro de Deportes, Jesús Martínez, amosa a súa satisfacción xa que “nesta cuarta edición do Pequetrail acadamos un récord de inscricións: 84 rapaces e rapazas, cando o ano pasado só contamos con 15 participantes”. Así mesmo, agarda que durante os próximos días “se vaian incrementando as anotacións tanto para o Trail de Lousame, que se celebra o vindeiro domingo 11 de decembro, como especialmente para a Andaina Solidaria do sábado 17 de decembro, onde todo o recadado será entregado á Obra Social de Pediatría do CHUS”.
As inscricións pódense formalizar na web www.emesports.es.
Esta cuarta edición do Pequetrail contará con máis participantes que as tres edicións anteriores xuntas: 15 no 2021, 30 no 2020 e 10 no 2019. A proba desenvolverase a partir das 16:00 horas do sábado 3 de decembro na contorna do Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes. Os primeiros en saír serán os 6 cadetes e xuvenís (atletas nados entre os anos 2005 e 2008) que percorrerán uns 7 km. Os 36 alevíns e infantís (nados entre 2009 e 2012) cubrirán unha distancia de 2 km; mentres cos 28 Benxamíns (de 2013 a 2017) afrontarán uns 500 metros. Os máis pequenos, os 16 xabarís, percorrerán uns 100 metros.
O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes, así como unha cinta deportiva Hanker, ao rematar cada unha das probas.