
Miguel Alvarez.- As boas prestacións que o Rotogal Boiro Voleibol exhibiu na recepción e en defensa foron insuficientes para sacar algo positivo da visita ao Unicaja Almería, o vixente campión da Superliga. Os andaluces, que asinaron un gran arranque de partido, impuxéronse por 3-0 a un adversario que pagou os problemas no apartado ofensivo.
O Unicaja Almería realizou unha gran posta en escena. Con moi boas prestacións no saque e na recepción, enseguida marcou o territorio #ante un Rotogal Boiro Voleibol que se viu obrigado a manterse
ao rebufo nun pouco disputado primeiro set (25-13).
No arranque da segunda manga, todo apuntaba a un desenvolvemento parecido ao visto ata ese momento.
O Unicaja Almería non tardou en despegarse no marcador e obrigou a Emilio Palacio a solicitar un tempo morto para axustar ao Rotogal Boiro Voleibol. Os visitantes asumiron máis risco co saque e mantiveron un alto nivel defensivo, circunstancia que lles permitiu meterse de cheo na disputa polo set. Con 24-24, unha decisión arbitral polémica afectoulle a un conxunto boirense que botou de menos unha maior capacidade para puntuar nos momentos determinantes.
Finalmente, os andaluces impuxéronse por 26-24.
Despois do susto, o Unicaja Almería púxose en tensión e recuperou a súa mellor versión para escaparse
de novo no terceiro set e pechar o partido pola vía rápida por 25-13.