Nas últimas horas, moitas das intervencións concentráronse en Vilagarcía de Arousa, Vilanova, Cambados, Caldas de Reis e O Grove.
Ao final do día, o 112 Galicia rexistrou un total de 308 incidencias ocasionadas pola chuvia e o vento, como son a caída de árbores e os anegamentos en rúas, estradas e baixos, garaxes e vivendas.
De feito, os casos máis salientables producíronse no último tramo da tarde en diversos puntos do Salnés, especialmente en Vilagarcía de Arousa, onde unhas persoas solicitaron axuda ao quedaren atrapadas dentro dun vehículo sen posibilidade de avanzar a causa da acumulación de auga. Por fortuna, ninguén sufriu danos, e unha vez que o caudal diminuíu, as persoas puideron saír do coche sen problema.
Certamente, nesta localidade pontevedresa, sucedéronse as chamadas de persoas afectadas ben por sumidoiros atoados, ben por bolsas de auga nas vías de acceso, ben por anegamentos en garaxes. Para todos estes casos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración dos axentes da Policía Local, Bombeiros do Salnés e membros do Servizo Local de Emerxencias.
En canto ao reparto por tipoloxía das incidencias, cómpre salientar que a maior parte (113) foron árbores caídas, actuacións para a prevención de riscos (48), cables de luz e teléfono (31), anegamentos (39), obxectos desprazados na vía (35), postes (20).
Por provincias, A Coruña e Pontevedra rexistaron o groso das intervencións, 136 e 119 respectivamente, seguidas de Lugo e Ourense, con 46 e 7 incidencias.
Activado o Plan Inungal
Ademais, a Xunta de Galicia vén de activar o Plan Inungal para o seguimento e control dos caudais dos ríos, porque xa durante a tarde observouse a superación dos limiares establecidos na zona Dubra-Tambre, o que quere dicir que é probable a enchente total da canle e posibles desbordamentos puntuais ao seu paso.
Este controis continuaranse co fin de anticipar o comportamento dos caudais dos ríos dentro do contexto de chuvia que estamos a vivir. Por iso, incídese na necesidade de pór en marcha as medidas de auto protección necesarias.
Igualmente, desde o 112 Galicia, tense enviado comunicacións aos concellos afectados para que se manteña a vixilancia e se activen os protocolos de intervención que conveñan.
