O BNG esixe o incremento dos coeficientes redutores para as persoas traballadoras do mar

01 Decembro 2022

O Bloque Nacionalista Galego, a través das emendas rexistradas ao Proxecto de Lei de Pesca Sustentábel e Investigación Pesqueira, reclamou o recoñecemento de coeficientes redutores para os traballadores e traballadoras do servizo de Gardacostas de Galiza e para os observadores de pesca a bordo, coñecidos na nosa terra como o colectivo denominado “mostradores do Mar”. Así mesmo, a fronte nacionalista demanda “aumentar os coeficientes para colectivos como os mergulladores especializados na recolección de recursos mariños e mexilloeiros, percebeiros ou redeiras”.

En palabras do deputado Néstor Rego, “o novo Proxecto de Lei de Pesca Sustentábel e Investigación Pesqueira debe ser unha oportunidade para actualizar a normativa e adaptala á realidade da actividade pesqueira do noso país”. Seguindo este fío, Rego fai fincapé nas emendas rexistradas para o recoñecemento de coeficientes redutores -e o aumento nalgúns casos- para varios colectivos do sector. “O estabelecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación procede cando non é posíbel a modificación das condicións de traballo e, nos casos que sinalamos, os colectivos soportan condicións de sinistralidade e perigo que apoian a nosa proposta” destaca.

Primeiro, o deputado nacionalista propón o recoñecemento de coeficientes redutores ao persoal funcionario do Servizo de Gardacostas, reducindo a idade mínima estabelecida para a percepción da pensión de xubilación. “Defendemos que, para estas actividades, se aplique un coeficiente de 0,15 sen prexuízo da aplicación dun coeficiente superior e que se compute todo o tempo da prestación do servizo, con independencia do réxime de Seguranza Social en que se atopase a persoa funcionaria en cada momento”, sinala o deputado.

Así mesmo, a fronte nacionalista defende o recoñecemento para as persoas traballadoras que exercen a súa actividade como observadores de pesca a bordo das embarcacións dedicadas á pesca de distintas artes. “Estas persoas realizan actividades de mostraxe, medicación, rexistro e control de diversos parámetros durante a navegación polo que están sometidas ás mesmas condicións de traballo e horarios que os propios mariñeiros. Hai que rematar con esta discriminación que sofren os mostradores do mar”, asevera Rego, engadindo que “debe aplicarse un maior coeficiente redutor, do 0,40, para as persoas que traballan na recollida de percebes, así como para os mergulladores en apnea para a recolección de recursos específicos, mergulladores industriais, acuicultores, dedicados á extracción de recursos mariños e os profesores de mergullo, traballos nos que a idade e as menores capacidades físicas poñen en risco a vida e a saúde das persoas que o desempeñan”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

O falar das pedras é moito falar. Din o que saben, o que pasaron e o que será. As pedras gardan as mensaxes do tempo, as raias dos anos, dos miles e millóns de anos e cóntannolo aos que as escoitamos, aos que as miran e as queren. Millóns de anos escribindo e deixando...