Falece Benedicto XVI, ós 95 anos de idade

31 Decembro 2022

O papa emérito, Bieito XVI, faleceu aos 95 anos de idade este sábado 31 de decembro ás 9.34 horas, segundo informou a Oficina de Prensa do Vaticano e a Conferencia Episcopal Española “Con pesar dou a coñecer que o Papa emérito Bieito XVI faleceu hoxe ás 9:34 horas, no Mosteiro Mater Ecclesiae do Vaticano”, confirmou aos xornalistas acreditados o director da oficina de prensa do Vaticano, Matteo Bruni.

“Apenas sexa posible proporcionarase maior información”, agregou nun breve comunicado de prensa. As condicións de saúde do Papa emérito agraváronse o pasado mércores, tal e como anunciou na audiencia xeral Francisco, que deu conta de que estaba “moi enfermo”.

Bieito XVI (en latín, Benedictus PP. XVI), de nome secular Joseph Aloisius Ratzinger, foi o 265 Papa da Igrexa Católica e sétimo soberano da Cidade do Vaticano.
Resultou elixido o 19 de abril de 2005, tralo falecemento de san Xoán Paulo II, polos cardeais que votaron no conclave. O 28 de febreiro de 2013 renunciou ó solio e asumiu o título de Papa emérito, coa intención de dedicarse á oración e o retiro espiritual.
A súa renuncia foi anunciada por el mesmo días antes, o 11 de febreiro, e é unha decisión excepcional na historia da Igrexa, xa que, aínda que o Sumo Pontífice que renunciou ó papado máis próximo foi Gregorio XII (1415), o precedente de Celestino V (1294) é o único do que se pode asegurar que foi de forma libre e voluntaria.
Como cardeal da Igrexa, Ratzinger estivo presente en tres conclaves: os que escolleron a Xoán Paulo I, Xoán Paulo II e o da súa elección. Trala súa renuncia, celebrouse o conclave no que resultou elixido o cardeal Jorge Mario Bergoglio, arcebispo de Buenos Aires, como romano pontífice, que tomou o nome de Francisco.
–——-

BIOGRAFÍA

Bieito XVI pasou a súa infancia e a súa adolescencia en Traunstein, unha pequena localidade preto da fronteira con Austria, a trinta quilómetros de Salzburgo. Nese ambiente, que el mesmo cualificou como mozartiano, recibiu a súa formación cristiá, humana e cultural.
O período da súa xuventude non foi fácil. A fe e a educación da súa familia preparárono para afronta-la dura experiencia dos tempos nos que o réxime nazi mantiña un clima de forte hostilidade contra a Igrexa católica.
Precisamente nesa complexa situación descubriu o que denominou a beleza e a verdade da fe en Cristo; para iso foi fundamental a actitude familiar, que sempre deu un claro testemuño de bondade e esperanza, cunha arraigada pertenza á Igrexa.
De 1946 a 1951 estudou Filosofía e Teoloxía na Escola Superior de Filosofía e Teoloxía de Freising e na
Universidade de Munich, en Baviera. Recibiu a ordenación sacerdotal o 29 de xuño de 1951.
Un ano despois, iniciou a súa actividade como profesor na Escola Superior de Freising. Doutorouse en Teoloxía en varias universidades e chegou a ser catedrático de Dogmática e Historia do Dogma na Universidade de Ratisbona, onde ocupou tamén o cargo de vicerreitor.
En 1962 fixo notables achegas ó Concilio Vaticano II como “experto” e a súa intensa actividade científica levouno a desempeñar importantes cargos ó servizo da Conferencia Episcopal Alemá e da Comisión Teolóxica Internacional.
Dez anos despois cofundou a prestixiosa revista de teoloxía Communio, e xa tres anos máis tarde o papa Paulo VI nomeouno arcebispo de Munich e Freising. Escolleu como lema episcopal: “Colaborador da verdade”.
Tamén Paulo VI o ascendeu a cardeal, co título presbiteral de “Nosa Señora da Consolación no Tiburtino”. En 1978 o cardeal Ratzinger participou no conclave que elixiu a Xoán Paulo I, e no mes de outubro do mesmo ano participou tamén no conclave que elixiu a san Xoán Paulo II.
O Papa polaco nomeouno prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe, a antiga Inquisición, e presidente da Pontificia Comisión Bíblica e da Comisión Teolóxica Internacional.
Foi presidente da Comisión para a Preparación do Catecismo da Igrexa Católica, que despois de seis anos de traballo presentou o Papa.
Elixido vicedecano do Colexio cardenalicio, asumiu o decanato no 2002. Desde novembro de 2000 foi membro honorario da Academia Pontificia das Ciencias.
Na Curia romana foi membro do Consello da Secretaría de Estado para as Relacións cos Estados; das congregacións para as Igrexas Orientais, para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos, para os Bispos, para a Evanxelización dos Pobos, para a Educación Católica, para o Clero e para as Causas dos Santos; dos consellos pontificios para a Promoción da Unidade dos Cristiáns e para a Cultura; do Tribunal Supremo da Sinatura Apostólica e das Comisións Pontificias para América Latina, “Ecclesia Dei”, para a Interpretación auténtica do Código do Dereito Canónico e para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental.

Praza de San Pedro Cidade do Vaticano. Emisión en directo de Vatican Media

ELIXIDO PAPA

A morte de san Xoán Paulo II, acontecida o 2 de abril de 2005, marcaría unha nova etapa coa elección de pontífice apenas dúas semanas despois do falecemento do papa polaco.

O conclave comezou o luns 18 de abril de 2005 coa petición de monseñor Ratzinger, durante a misa previa á elección do novo papa, da intercesión do Espírito Santo. O cardeal alemán era daquela decano do Colexio Cardenalicio e sería el quen presidiría a celebración.
Nesta hora pidamos insistentemente ó Señor que, tralo gran don do papa Xoán Paulo II, nos conceda de novo un pastor á medida do seu corazón.
Ás catro da tarde e, tras cumprir o mestre de cerimonias coa tradición secular e dici-la frase que ordena
que ninguén, excepto os cardeais, poida quedar na capela, iníciase o conclave cos 115 purpurados menores de 80 anos.
As actividades do primeiro día do conclave consistiron nunha misa matinal presidida polo decano do Colexio Cardenalicio, o cardeal Ratzinger, na basílica de San Pedro, seguida pola reunión dos cardeais na Capela Sixtina do Palacio Apostólico da Cidade do Vaticano á tarde para unha primeira rolda de votación. Milleiros de fieis chegados de todo o mundo e centos de cadeas de televisión, radios, axencias e xornais
seguían a cerimonia esperando que a columna de fume que saía da cheminea da Capela Sixtina indicase ó mundo e ós máis de 1.200 millóns de católicos se fora elixido Papa.
Tres veces saíu “fumata” negra, indicativa de que a sé de Pedro seguía vacante.
Os membros do Colexio Cardenalicio da Igrexa católica elixiron o sucesor do falecido papa san Xoán Paulo II en cuarta votación no segundo día do conclave, o 19 de abril de 2005.
Ás 17 horas e 53 minutos a “fumata” branca da cheminea da Capela Sixtina anunciaba que os cardeais elixiran novo papa.
Coincidiu coa festa de San León IX, o máis importante papa alemán da Idade Media, coñecido por instituí-lo maior número de reformas durante un pontificado.
Antes da súa primeira aparición no balcón da basílica de San Pedro despois de ser elixido, o seu nomeamento foi anunciado polo cardeal chileno Jorge Medina Estévez.
O cardeal Medina primeiro dirixiuse á multitude con: «Queridísimos irmáns e irmás» en italiano, español, francés, alemán e inglés, antes de continuar co tradicional “Habemus Papam” en latín.
Joseph Aloisius Ratzinger acababa de converterse no sucesor de san Pedro, o papa 265, nun dos conclaves máis breves da historia.
Na solemne inauguración do seu pontificado, que substituíu a xa extinta coroación (o último papa coroado foi Paulo VI), o cardeal Medina foi o encargado de impoñerlle o palio, mentres que o italiano Angelo Sodano, secretario de Estado, colocoulle o anel do pescador.
No balcón, as primeiras palabras de Bieito XVI á multitude, pronunciadas en italiano antes de que impartise a tradicional bendición “urbi et orbe” en latín, foron:
“Queridos irmáns e irmás: Despois do gran papa Xoán Paulo II, os señores cardeais elixíronme a min, un simple e humilde traballador da viña do Señor. Consólame o feito de que o Señor sabe traballar e actuar mesmo con instrumentos insuficientes, e sobre todo encoméndome ás vosas oracións.
Na alegría do Señor resucitado, confiando na súa axuda continua, sigamos adiante. O Señor axudaranos e María, a súa santísima nai, estará ó noso lado. Grazas!”.
Ratzinger esperaba retirarse pacificamente e dixera que, «ata certo punto, díxenlle a Deus: “Por favor, non me fagas isto”… Evidentemente, esta vez El non me escoitou». Foi durante unha recepción a peregrinos alemáns días despois da súa elección.
“Cando, lentamente, o desenvolvemento das votacións me permitiu comprender que, por dicilo así, a guillotina caería sobre min, quedei desconcertado. Con profunda convicción dixen ó Señor: Non me fagas isto! Tes persoas máis novas e mellores que poidan afrontar esta gran tarefa cun entusiasmo e unha forza totalmente diferentes”.
Iníciase un papado que duraría case 8 anos e remataría coa sorprendente renuncia de Bieito XVI, un papa que inicialmente tivo bastante contestación polo seu carácter conservador.

VISITA A SANTIAGO

Tres veces viaxou Bieito XVI a España: a Valencia no V Encontro Mundial das Familias no 2006; no ano 2011 para acudir ó vixésimo sexto Encontro Mundial da Xuventude en Madrid e un ano antes, no 2010, como peregrino do Ano Santo Compostelán, visitou Santiago e Barcelona, onde consagrou o templo da Sagrada Familia.
Os días 6 e 7 de novembro de 2010 Bieito XVI viaxa a España como peregrino da fe. A primeira etapa da viaxe foi Santiago de Compostela, que visitou co gallo da celebración do Ano Santo Compostelán.
Na capital galega foi recibido no aeroporto da Lavacolla polos príncipes de Asturias, que lle deron a benvida, e Bieito XVI agradeceu en galego o recibimento.
Centos de milleiros de persoas aclamaron o pontífice no seu percorrido desde o aeroporto da Lavacolla ata a chegada ó Obradoiro.
Bieito XVI chegou á catedral e, antes de entrar pola Porta Santa, foille imposta a esclavina de peregrino. Na basílica dirixiuse á cripta, rezou ante a tumba do Apóstolo e abrazou a súa imaxe.
Alí dirixiuse ós presentes como peregrino no Ano Santo en véspera dos 800 anos da consagración do templo.
Na Santa Apostólica Metropolitana Igrexa compostelá Bieito XVI asistiu ó funcionamento do Botafumeiro mentres soaba o himno do Apóstolo.
Pola tarde na praza do Obradoiro, e ante unhas 7.000 persoas, presidiu a misa co gallo do Ano Xubilar, na que, ó igual có seu predecesor, san Xoán Paulo II, cando visitou a cidade galega en 1982, pronunciou un discurso con marcado acento europeísta.
Iniciaría a súa intervención en galego.
A homilía do Papa centrouse na relación do home con Deus e a do vello continente que debe volver á súa raíz.
O coro da Capela da Catedral, acompañado da Real Filharmonía de Galicia, foi o encargado de poñer música á cerimonia relixiosa con obras do galego Juan Durán, de Bach e de Mozart; estes últimos do gusto do Sumo Pontífice.
Ó final da misa, e como homenaxe ós homes e mulleres do mar, mariños da Academia Naval e da Armada, acompañados de banda, interpretaron a Salve mariñeira, mentres o Papa iniciaba xa a súa retirada tras oito horas en Galicia.
O 11 de febreiro de 2013 o papa Bieito XVI anunciou a súa renuncia ó cargo, alegando «falta de forzas». O anuncio realizouno en latín durante o consistorio de canonización dos mártires de Otranto, o que provocou a sorpresa dos asistentes. Sería unha xornalista italiana coñecedora do latín a que se decatou da renuncia papal, xa que foi incluída nun texto no idioma oficial do Vaticano e ninguén se deu conta do contido, que dicía: “Cheguei á certeza de que as miñas forzas, debido á miña avanzada idade, non se adecúan por máis tempo ó exercicio do ministerio petrino. Con total liberdade, declaro que renuncio ó ministerio de bispo de Roma e sucesor de Pedro”.
A renuncia do papa Bieito XVI, confirmada posteriormente pola web de Radio Vaticana, considerouse excepcional, dado que foi a primeira desde a Idade Media, concretamente desde o ano 1415 —con Gregorio XII, obrigado a renunciar no Concilio de Constanza para dar fin ó Cisma de Occidente—, e
a primeira por vontade propia desde 1294, con Celestino V, que renunciou para facerse ermitán.
No momento de anuncia-la súa renuncia, o papa Bieito XVI tiña 85 anos, e levaba case oito de pontificado. A renuncia fíxose efectiva o 28 de febreiro ás 20 horas, hora de Italia, a partir da cal a sede papal quedou vacante, dando comezo ó proceso de celebración dun conclave que elixiu un
novo papa, Francisco.
Bieito XVI reuniuse pola mañá do seu último día como pontífice cos cardeais, 144 purpurados, ós que agradeceu o seu labor e apoio, e dirixiu a mensaxe de reverencia e lealdade ó futuro Pontífice.
“Entre vós, no Colexio Cardenalicio, está o futuro Papa, ó cal, xa desde hoxe, prometo a miña incondicional reverencia e obediencia”. Segue a bendición… Bieito XVI abandonou a Cidade do Vaticano en helicóptero aproximadamente ás 17 horas. Mentres sobrevoaba Roma, as campás de tódalas igrexas e basílicas da cidade tanxían á vez.
Chegado a Castel Gandolfo, a súa nova residencia nos dous primeiros meses trala súa renuncia, compareceu no balcón do Palacio Apostólico,onde dirixiu as súas últimas palabras como papa á xente congregada na praza: Grazas, grazas de corazón. Grazas pola vosa amizade e o voso afecto (……. Non son máis o Sumo Pontífice da Igrexa. A partir das 20 horas, serei simplemente un peregrino que continúa a súa peregrinación sobre a Terra e afronta a etapa final. (…) Grazas e boas noites.
Seguidamente, deu a bendición e retirouse.
A esa mesma hora a Garda Suíza que custodiaba o portón do palacio foi remudada, á vez que se pechaban os postigos, simbolizando deste xeito a fin do pontificado.
Durante o tempo de sede vacante e ata o 2 de maio de 2013, Bieito XVI residiu en Castel Gandolfo; logo, ese mesmo día, trasladouse ó mosteiro Máter Ecclésiae, que se atopa dentro dos muros do Vaticano. Alí viviu dedicado á oración e ás súas afeccións, xunto co seu secretario privado, catro laicas consagradas da comunidade Memores Dómini, que o axudaban cos labores domésticos, e un diácono belga.
ENCÍCLICAS
Bieito XVI fixo tres encíclicas: Deus Cáritas Est (Deus é amor); Spe salvi, dedicada á esperanza, e Cáritas in
veritate, que aplica as dúas anteriores encíclicas ós temas sociais do mundo, e fixo tamén varias exhortacións apostólicas. Foi, como o seu predecesor, un papa viaxeiro e desprazouse a 22 países dos cinco continentes.
Entre as súas numerosas publicacións, case 90, ocupa un lugar destacado o libro Introdución ó Cristianismo, recompilación de leccións universitarias publicadas en 1968 sobre a profesión de fe apostólica; e Palabra na Igrexa, antoloxía de ensaios, predicacións e reflexións dedicadas á pastoral. Da súa obra teolóxica destaca Xesús de Nazaret, que amosa non só como é Xesús, senón que ofrece unha imaxe de como foi o Papa cun claro obxectivo: servir a Xesús.
Tivo gran resonancia o discurso que pronunciou ante a Academia bávara Por que sigo aínda na Igrexa?, no que, coa súa habitual claridade, afirmou: “Só na Igrexa é posible ser cristián e non á marxe da Igrexa”.
As súas publicacións foron abundantes ó longo dos anos e constitúen un punto de referencia para moitas persoas, especialmente para as que queren profundidade no estudo da Teoloxía.
Recibiu numerosos doutoramentos “honoris causa”, entre os que destacan o do College of Saint Thomas in Saint Paul (de Minnesota, nos Estados Unidos) en 1984; o da Universidade Católica de Eichstätt (Alemaña) en 1985; o da Universidade Católica de Lima (no Perú) en 1986; o da Universidade Católica de Lublin (en Polonia) en 1988; o da Universidade de Navarra (en Pamplona, España) en 1998; o da Libre
Universidade María Santísima Asunta (LUMSA) (en Roma) en 1999, e o da Facultade de Teoloxía da Universidade de Wroclaw (Polonia) en 2000.

FINAL
Bieito XVI viviu preto do seu sucesor, o papa Francisco, na propia Cidade do Vaticano, sendo isto un acontecemento único e histórico dentro da Igrexa católica.
O ata daquela papa mantivo o seu nome, Bieito XVI, e desde a súa renuncia ostentou o título de papa emérito ou pontífice emérito, así como bispo emérito de Roma, co tratamento de súa santidade.

D.E.P.

Outros artigos

Manuel Ruiz será o portavoz da comisión de pesca do PP no Senado

A Cámara Alta contará por primeira vez na súa historia cunha área dedicada ao sector Esta comisión terá como obxectivo principal impulsar políticas e medidas que promovan o desenvolvemento sostible da actividade pesqueira, así como garantir a conservación dos recursos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ideología, vs, pensamiento creativo”. Manuel Dominguez

“Ideología, vs, pensamiento creativo”. Manuel Dominguez

Cualquier parecido con la realidad es mera coincidencia Yo les sugiero que antes que yo hable, ellos se presenten. Uno me dice que en su juventud llegó a tener el libro rojo de Mao, fue trotskista, castrista, simpatizaba con LCR la Liga, admirador del Che, comunista,...

“O primeiro paso”. Luís Celeiro

“O primeiro paso”. Luís Celeiro

Os cregos din que o do compromiso a longo prazo e para sempre é o valor principal que outorga o casamento pola igrexa. María Mercedes da Orde, casada e divorciada varias veces, di, sen falar, sen levantar a voz, case como se escoitaramos o seu pensamento,“vaiche boa!...