Constituída en Vigo a sede da Mesa da Ciencia Pesqueira

Antón Luaces.- Este xoves, primeiro de decembro, quedou constituída en Vigo a Mesa da Ciencia Pesqueira, órgano consultivo que terá como función debater e asesorar sobre políticas públicas relacionadas coa pesca e vehicular a participación da sociedade civil. A sesión constitutiva deste órgano foi co-presidida polos ministros de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, e de Ciencia e Innovación, Diana Morant. Celebrouse  xusto unha semana despois de que o Boletín Oficial do Estado publicara (o 24 de novembro) a orde ministerial da súa creación,

O ministro Planas subliñou que “pesca e ciencia necesítanse mutuamente” e que reforzar a situación entre ambas resulta esencial para a axeitada toma de decisións en materia de xestión pesqueira  e asegurar o futuro desta actividade, piar do desenvolvemento social e económico das zonas costeiras: “a ciencia é un piar fundamental para calquera sociedade, e no caso da pesca este apoio aínda é máis importante, xa que logo a actividade depende da explotación directa de recursos vivos”.

Sen un bo asesoramento científico non se podería coñecer onde se atopan os mellores recursos, como explotalos de maneira sustentable e mesmo como cultivar algunhas especies e desenvolver novos produtos e alimentos, segundo dixo o ministro.

Pola súa banda a ministra Morant falou desta Mesa da Ciencia Pesqueira como algo que nace con vontade de continuidade, como órgano de diálogo entre a ciencia e o sector da pesca co obxectivo de acadar unha xestión sostible dos océanos mediante a elaboración de políticas baseadas no coñecemento científico.

É unha iniciativa pioneira,. Clave para defender o traballo cotián da pesca e diante das  negociacións pesqueiras no ámbito comunitario e internacional, estreitando  aínda máis os vínculos xa existentes, en consonancia coa Política Pesqueira Común (PPC).

A Mesa, que terá a súa sede permanente en Vigo, configúrase como un órgano de debate, información e asesoramento en aspectos científicos  e tecnolóxicos para as prácticas pesqueiras.

Oxalá sexa así.