O Concello de Boiro recibiu da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes unha subvención para adxudicar equipos de emerxencias. En concreto, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil disporá dunha tenda de campaña para emerxencias e un desfibrilador externo achegado pola entidade autonómica.
O obxectivo da incorporación deste material é “facilitar as tarefas do servizo de Protección Civil e Emerxencias tales como atención en accidentes ou emerxencias de calquera tipo, así como colaborar e apoiar en materia de seguridade en probas e outros eventos”, explicaron fontes do Concello boirense. “É moi importante seguir dotando o servizo de material para dar unha resposta o máis rápida posible en caso de emerxencia”, afirmaron dende o servizo de Protección Civil.
O equipamento de emerxencias que vai recibir a AVPC do Concello de Boiro está financiado pola Xunta de Galicia mediante os fondos FEDER Unha maneira de facer Europa da Unión Europea.
O servizo de Protección Civil e Emerxencias do Concello de Boiro conta na actualidade cunha vintena de voluntarios que atenden todo tipo de emerxencias producidas no termo municipal e achegan colaboracións en dispositivos doutros concellos para eventos e actividades deportivas ou culturais e incidencias solicitadas pola CIAE 112 ou as forzas e corpos de seguridade tales como incendios, accidentes de tráfico, procura de desaparecidos…



