A asemblea local do BNG de Outes vén de escoller a Anxo Núñez Fernández coma candidato á alcaldía do concello para as eleccións municipais de maio do 2023. A elección de Núñez encádrase no seu obxectivo de achegar a Outes “un proxecto serio, amplo e ambicioso no que leva traballando constantemente ao longo destes anos”, indican fontes do Bloque local.
En palabras do candidato., “queremos un concello cun plan de mantemento eficaz, que aposte por crear vivenda pública para aumentar o número de veciños e que leve adiante iniciativas que estimulen a creación de emprego en Outes e na comarca”. E engade: “Aspiramos a liderar un goberno serio para traballar nas solucións aos problemas de raíz do noso concello mais tamén sacando adiante o traballo diario da maneira máis eficaz posíbel. En definitiva, facer que Outes comece a avanzar”.
Núñez indica tamén que asume a candidatura á alcaldía de Outes “con toda a forza, ilusión e responsabilidade coa que traballei sempre. Todos estes anos construíndo unha alternativa de executivo serio e as máis de 30 mocións e centos de rogos e preguntas respaldan o noso proxecto para gobernar este concello. Confiamos no potencial de Outes e queremos gobernar para avanzarmos xuntos dunha vez por todas, para termos un concello que aposte polo seu e se converta noutro referente do bo facer coma Mazaricos, Allariz ou Pontevedra”.
E engade, no capítulo de agradecementos: “Quero agradecer á asemblea local o seu apoio e todo o traballo destes anos, en especial a María Xosé Suárez Castro pola súa intensa labor á fronte desta organización todo este tempo.”
Dentro dos obxectivos principais que se marca o BNG están a elaboración dun plan de saneamento integral das augas residuais, a mellora na xestión do lixo, o coidado e correcto mantemento dos espazos públicos, o reforzo nos servizos sociais, a humanización completa de rúas e lugares, o asentamento poboacional e a creación de oportunidades económicas.
O BNG explica que “o concello de Outes é o máis afectado polo despoboamento na nosa contorna e precisa de medidas eficaces e contundentes para frealo”. Neste senso, o grupo quere levar adiante a creación de vivenda pública e unha bolsa de vivenda para que “haxa alternativas dignas e económicas para a emancipación da xuventude no concello”. A xuízo do grupo, “sen vivendas dispoñíbeis para o alugueiro dificilmente pode aspirar a medrar ou manterse un pobo que nos últimos dez anos perdeu máis de mil habitantes”.
E conclúen: “Dende o BNG entendemos que a creación de oportunidades económicas pasa polo apoio ao comercio local, a creación dun plan de turismo sustentábel que asegure unha desestacionalización do sector e uns maiores beneficios para a veciñanza, a creación dun parque empresarial con todas as garantías legais e unha visión comarcal ambiciosa. Entendemos que sería unha gran oportunidade para a nosa ría, mais tamén para Outes, a adquisición, por parte da Xunta, da fábrica de Calvo en Esteiro para o peche produtivo do marisqueo en quilómetro cero”.
O grupo dispuxo na Rede un vídeo coas declaracións de Anxo Núñez a respecto da súa candidatura.