A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña, encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, nomeou na xunta directiva celebrada na tarde deste luns 12 de decembro a Antonio Blanco Magariños, Picón, como presidente da nova xestora dos populares no Concello de Rianxo.
A dirección popular decidiu poñer en marcha un novo equipo de persoas que será o encargado de preparar ao partido para afrontar unhas municipais nas que os populares aspiran a ser “a lista máis votada no municipio de Rianxo”.

O novo presidente da xestora estará acompañado polos vocais Mariano José Moares Rial, Alicia Carou Romero, Yolanda Viana Carrillo, Hermindo Seoane Somoza, Elisa Bouza Vicente, Ramón Vicente Vicente, Ramón Javier Vázquez Romero e Sabrina Romay Rey.
“O nomeamento desta xestora debe servir para fortalecer e impulsar ao partido a poucos meses xa das municipais”, asegurou Calvo, quen defendeu que, a partir deste momento, “a súa formación debe poñerse mans a obra para presentar unha alternativa seria que sexa capaz, apuntou o líder provincial, de poñer fin a un Goberno Local caduco e sen ideas para o futuro do municipio”.
Calvo insistiu en que “o novo equipo non é un grupo pechado, senón que se trata dun proxecto ao que se poden sumar todos aqueles que queiran traballar polo seu municipio”. E engadiu: “As portas están abertas para todo o mundo. Aquí non sobra ninguén, todo o contrario, necesitamos máis xente que nunca para lograr o noso obxectivo e para presentar un equipo capaz de propoñer e ilusionar aos veciños”.



