“Amencida. Vento, forte ondada, incumprimento de normas e un petroleiro embarrancado a carón da Torre de Hércules”(I). Antón Luaces

Presente, moi presente na memoria, lembro que o 3 de decembro de 1992 amencía frío, con forte vento e dura ondada na costa coruñesa. Ás seis horas dese día inesquecible estabamos no cantil da Torre de Hércules, na Coruña, Manuel Codesido (técnico de son encargado da unidade móbil  de RNE) e máis eu. Nos servizos técnicos desta emisora de radio, o xefe de emisións, Juan Manuel Vázquez (exoficial radio da Mariña Mercante) e Juan Luis Vázquez, técnico de son. Xunta eles, os redactores dos servizos informativos.  

Algunha xente da veciñanza achegárase a esta parte da costa coruñesa na que tamén estaban varios membros da Policía Nacional e persoal da capitanía marítima da Coruña. O ceo, escuro, presaxiaba non sei  que pero nada bo. Embaixo, o mar batía contra as paredes de rocha viva e un buque, o “Aegean Sea”, de bandeira grega, con 16 tripulantes gregos (entre estes o capitán do petroleiro) e 13 de nacionalidade filipina. O buque embarrancara de proa na costa, a escasa distancia da Torre. O sistema de alumeado do barco funcionaba e, xunto coas farolas das rúas de urbanizacións próximas, era posible contemplar con impotencia como un gran buque agoniaba entre as ondas, o vento, a friaxe e o medo a que acontecera algo que, unha outra vez, puxera en perigo a cidade da Coruña e os seus habitantes.

Pola cuberta do petroleiro, algúns dos seus tripulantes ían e viñan con presa. No ceo, a baixa altura, o helicóptero de Salvamento Marítimo “Helimer Galicia”, con base no aeroporto de Alvedro (máis tarde incorporaríase o “Pesca 1”, aeronave do Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia). No mar, non lonxe do lugar da embarrancada, varias embarcacións de Salvamento, Cruz Vermella, prácticos, etc. Tamén fixeron acto de presencia o alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, e a gobernadora civil da provincia, Pilar Lledó.

O buque embarrancado transportaba algo máis de 79.000 toneladas de crú que cargara, por conta de Repsol, nun porto escocés.

Xusto ás dez da mañá, cando os helicópteros procedían a trasladar a terra  á tripulación do navío, a popa deste comezou a oscilar nunha evidente proba de que estaba partido. Así o dixemos no boletín horario das dez de RNE, engadindo que a oscilación podería producir unha chispa que causara un incendio. Meu dito, meu feito: un fortísimo estourido e unha nube de fume e lume que ocultou á nosa vista o helicóptero que, naquel intre guindaba a un dos tripulantes do Aegean Sea, obrigounos a dicir que “a visión é dantesca”. E sí que o era. Temiamos polas vidas dos tripulantes do helicóptero “Helimer Galicia” e o mariñeiro que levaba pendurado do guindastre pero, momentos dempois do estourido apareceu polo costado de estribor a uns 70 ou 80 metros de altura, todos eles sans e salvos.

O Aegean Sea era xa un mar de lapas que, en pouco tempo, foi estendéndose pola costa. En boa hora, non houbo vítimas. E o vento, como dixera o alcalde coruñés, afastaba da cidade o fume e o lume: levaba o fumazo cara a Ferrol e o mar impregnaba xa a costa de petróleo. Outra vez A Coruña recibía o castigo de contar no seu porto cun pantalán petroleiro que só beneficiaba a unha empresa (Repsol) que nunca compensou a esta cidade e aos seus habitantes das incomodidades e perigo dunhas instalacións situadas a escasa distancia de numerosas vivendas e de ter baixo casas e estradas unha rede de tubaxe que servía de “canle” para a conexión da pranta petrolífera e a refinería.

Envolvido na ondaxe permanente que abatía contra a costa, o Aegean Sea foi vítima dun xiro a babor que non foi quen de completar e do vento racheado de máis de 100 quilómetros por hora.

Noite aínda, mal tempo e un serio temor a que todo aquel  inferno se abatera sobre a veciñanza da Durmideiras, un barrio, unhas urbanizacións cuxos habitantes evidenciaban o medo ás consecuencias do que acontecía “na súa costa”.