O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este 28 de decembro a resolución da terceira edición dos Premios Galicia Acción Voluntaria que recoñecen o labor das persoas e entidades que traballan no eido do voluntariado. Na categoría de entidade o galardón foi para a Asociación Cultural O Castro, de Vilanova, pola súa ampla traxectoria no ámbito do voluntariado cultural, medioambiental e de acompañamento das persoas maiores.
Na modalidade de persoa individual o premio recaeu en Abraham Benítez Somoza, de Ribeira, voluntario da Asociación Ambar e que adestra en atletismo a persoas con diversidades funcionais. Así mesmo, tamén colabora con outras entidades na organización de probas deportivas e realiza trofeos e maquetas artesanais para causas solidarias. Leva desde o ano 2003 promovendo un estilo de vida saudábel para os ditos colectivos de Ribeira e a comarca do Barbanza, o ámbito de acción de Ambar.
Por último, na categoría de proxecto de acción voluntaria o premio foi para a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER). Esta entidade realiza tarefas de sensibilidade e visibilización, así como de soporte, para que as persoas con algunha destas patoloxías poidan ter unha vida activa e conten con axuda para realizar actividades.
Terceira edición
Os Premios Galicia de Acción Voluntaria naceron no ano 2020 para premiar a colaboración e solidariedade amosada por distintos colectivos ante a emerxencia sanitaria da COVID-19 e para reivindicar todo o labor altruísta existente na comunidade. Nas pasadas edicións estes premios entregáronse á ONG Mestura, á Fundación Juan Soñador, o Banco de Alimentos Rías Altas ou á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), entre outros. Cada un dos galardóns está dotado de 4000 euros.