O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, fixo saber que vai destinar 3 millóns de euros a mellorar e poñer a punto a depuradora de Noia. Estes traballos abranguerán a optimización do edificio da instalación, que, segundo informou o ente autonómico, ten importantes eivas estruturais. Ao abeiro deste proxecto tamén se prevé construír unha segunda depuradora. Porén, a curto prazo o obxectivo é actuar sobre o inmóbel existente e solucionar os problemas de saneamento das augas residuais de Noia. Farase mediante un convenio de colaboración co Concello, titular da infraestrutura e responsábel da aplicación efectiva das melloras e do mantemento da instalación.

A previsión é que o proxecto sexa licitado antes do remate do ano e que os traballos poidan comezar en 2023. O prazo de execución das tarefas a realizarase prevese de algo máis dun ano. Os labores a realizar inclúen a modernización da depuradora para emendar as eivas actuais e erradicar os vertidos contaminantes. Habilitarase (entre outros equipamentos) un nova grella automática de grosos e colocarase polipasto eléctrico sobre o pozo de bombas de cabeceira. Tamén se construirá un desareador lonxitudinal aireado para a eliminación de graxas e transformarase o actual reactor, que pasará de ser de leito fixo a móbil.



