A Asociación Peregrinos Musicales organizou este venres 16 de decembro, por vez primeira en Rianxo, a xornada Arte de Piano no Auditorio Municipal da vila rianxeira. Alí déronse cita seis alumnos e alumnas da pianista e profesora do Centro Superior de Música Galicia (CSMG) amais de presidenta da entidade, Ilona Timchenko, que amosaron un excelente nivel á hora de interpretar obras de compositores de recoñecido prestixio como Chopin, Beethoven, Mampou, Scriabin ou Rachmaninoff.
En concreto, os e as protagonistas da xornada, de entre 16 e 24 anos, foron:
• Martín M. Chaves Fraga, procedente de Brión
• Alonso Pinilla Villamor, de A Coruña
• Yuri Durán Castro, de A Pobra do Caramiñal
• Michelle Peña, de Ribeira
• Aurelia Melcher Dominic, de Santiago
• Iria Agra, de Santiago

Ilona Timchenko amosou a súa “satisfacción polo excelente nivel amosado por estes seis alumnos e alumnas” e salientou que “contan con todas as cualidades precisas para actuar como solistas”. Ao tempo, a presidenta da Asociación Peregrinos Musicales salientou que “esta foi a primeira ocasión en que se trouxo a xornada Arte de Piano a Rianxo, o que supuxo unha excelente oportunidade de dar a coñecer o talento existente no eido da música de cámara dentro da provincia de A Coruña”. De feito, esta actividade foi posible grazas ao apoio da Deputación coruñesa e do CSMG.

Concerto de Nadal en Ames
A programación de final de ano da Asociación Peregrinos Musicales continuará o vindeiro mércores 21 de decembro en Ames. A Casa da Cultura de O Milladoiro acollerá ás 20.00 horas un concerto de cámara que estará protagonizado por un quinteto de corda e clavecín.
Por primeira vez, o concerto de Nadal de Peregrinos Musicales lévase por primeira vez ao municipio amesán. A entrada é de balde, previa retirada de invitación a través da billeteira electrónica do Concello de Ames.




