A UNESCO inscribe o programa Ponte…nas Ondas! no seu Rexistro de Boas Prácticas

01 Decembro 2022

Ponte… nas Ondas!, a candidatura conxunta de Galicia e Portugal, acadou un importante recoñecemento en Rabat: a súa inclusión no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO, unha distinción que só obtiveron este xoves 1 de decembro catro propostas a nivel internacional. Como lembraremos, Ponte… nas Ondas! é unha iniciativa compartida de dous países irmáns, Galicia e Portugal, para preservar os seus tesouros inmateriais a través das novas canles de difusión, poñendo o foco en formatos innovadores e colaborativos (principalmente podcast, espazos web, audiovisuais ou redes sociais, entre outros).

A decisión foi aprobada este 1 de decembro no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial en Rabat (Marrocos), onde o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, encabezou a delegación galega acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez. Rodríguez celebrou como “un gran logro para Galicia a entrada do programa educativo Ponte…nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas da UNESCO”. Trala votación positiva da proposta conxunta de Galicia e Portugal, o responsábel autonómico de Cultura destacou que “a decisión supón un gran triunfo para todos os galegos e para o noso sistema educativo, xa que unha iniciativa nacida nas aulas galegas será un exemplo para todo o mundo”. Amais, deu os parabéns aos promotores “polo traballo ben feito” e engadiu que isto é “un éxito seu e un recoñecemento ao traballo feito por todos os profesores e alumnos que ao longo de 27 anos participaron nesta iniciativa”. O conselleiro tamén salientou que se trate da primeira vez que Galicia recibe este recoñecemento por parte da UNESCO.

Rodríguez engadiu que o proxecto distinguido é tamén “un exemplo de convivencia en zonas transfronterizas” e “pode servir para mellorar o entendemento en rexións en conflito”, tal e como resaltou a UNESCO no eloxioso informe que emitiu previamente á avaliación. Así mesmo, tamén agradeceu a implicación dos embaixadores de España e Portugal na Unesco, José Manuel Rodríguez Uribes e Rosa Batoréu, e do director xeral de Belas Artes, Isaac Sastre e do resto de altos cargos do Ministerio de Cultura e Deporte na tramitación deste expediente.

Ademais dos representantes da Xunta de Galicia, neste encontro mundial en Rabat tamén participaron por parte de Ponte…nas Ondas! Santiago Veloso, profesor e coordinador da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, que agradeceu no Comité a inscrición; Chus Álvarez, profesora; Dolores Gómez, portadora; Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo; Esmeralda Carvalho, profesora; Xerardo Feijoo, profesor; João Manuel Gonçalves, portador, e Álvaro Campelo, profesor e antropólogo.

Un modelo de ensinanza referente

O programa Ponte… nas Ondas!, impulsado pola asociación cultural e pedagóxica co mesmo nome que coordina o profesor Santiago Veloso, naceu hai 27 anos nos centros educativos do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar co obxectivo de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.

O proxecto é unha iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ten o apoio tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura), de cuxa colaboración teñen abrollado iniciativas como o Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) ou outras iniciativas que poñen o foco nas novas ferramentas dixitais.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...