Xa podemos votar online polos carballos de Boqueixón e Pontevedra nas súas candidaturas a Árbore de España 2023

Dende este 10 de novembro e até o 10 decembro imos poder votar en liña polas candidaturas de Boqueixón e Pontevedra á Árbore de España 2023: o Carballo de Gregorio e máis o Carballo de Santa Margarita, respectivamente. As votacións xa están abertas en www.arbolybosquedelaño.es.

O Carballo de Gregorio

O Concello de Boqueixón presentou a candidatura desta árbore centenaria que preside a veiga de Sergude, no lugar de Rodiño Grande. A candidatura foi aceptada pola organización Bosques sin Fronteras, que convoca este certame para “significar e poñer en valor árbores que, por distintas características, son merecedoras dun recoñecemento e respecto social”.

A árbore de Boqueixón

O alcalde, Manuel Fernández Munín, fai un chamamento á mobilización “non so da veciñanza de Boqueixón senón de todas as persoas que amamos a natureza a prol do Carballo de Gregorio, unha auténtica reliquia botánica vencellada tanto á capela de San Bieito de Sergude como ao Pico Sacro e toda a súa mitoloxía e lendas relacionadas co mito Xacobeo. Non en van, tanto peregrinos como camiñantes sempre se acolleron baixo a súa sobra e continúan facéndoo”.

O Carballo de Gregorio conta cunha altura de 25,5 metros e un tronco cun perímetro de 4,27 metros. Descoñécese con exactitude a data da súa orixe, se ben se calcula que ten arredor de 110 anos. Dende sempre estivo vencellado ao seu propietario, José Torres, da Casa de Secundino. De feito, a árbore toma o seu nome da antiga taberna que había no lugar: Casa de Gregorio.

O seu arraigamento entre a veciñanza é tal, que durante o século pasado arraigou un peculiar ritual na zona: a veciñanza soterraba aló aos seus animais domésticos falecidos nun intento de darlle forzas e impulsar o seu crecemento. Esta xoia botánica de Boqueixón ten superado moitos problemas ao longo da súa existencia. En primeiro lugar, por estar emprazado nun antigo camiño, ao pé dunha estrada. Isto fixo que a súa base se vira afectada tanto polo asfalto como pola beirarrúa que o rodea. Incluso o seu propietario tivo que preitear para evitar a súa corta. Con todo, non puido evitar que anos máis tarde se lle cortaran varias pólas durante a construción da Alta Velocidade Ferroviaria, pois o seu tamaño era tan grande que impedía o paso aos vehículos co material de construción dos viadutos.

Icónica árbore pontevedresa

A candidatura do lendario Carballo de Santa Margarida foi posíbel grazas á AC do Sentir do Carballo de Santa Margarida, tras dous anos de traballo, e forma parte dun conxunto de accións encamiñadas a visibilizar e poñer en valor o histórico carballo, como un dos exemplares icónicos do patrimonio natural de Pontevedra e Galicia.

Xa Frei Martín Sarmiento se referiu a el como “Santa Margarida, do Monteporreiro, que ten o carballo maiore do Reino”; e hoxe en día é o ser vivo máis vello da cidade. En palabras do Concello, “constitúe un símbolo por si mesmo, foi e é fonte de inspiración de artistas, ademais de protagonizarse baixo a súa sombra mancheas de acontecementos históricos”. Por outra banda, constitúese como testemuña de vida de xeracións e xeracións das xentes de Pontevedra e de Galicia, presente en moitos momentos das nosas vidas e nas lembranzas de avós e netos.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, amosou a súa “absoluta satisfacción” tras coñecer que o centenario carballo, símbolo, patrimonio e orgullo de Santa Margarida e de Pontevedra, foi elixido para competir con outras sete árbores para representar a España no certame Árbore Europea do Ano 2023. “A pesar dos achaques da idade e das recentes podas de emerxencia que se lle fixeron para aliviar os problemas de sobrepeso nas súas pólas, a súa beleza e incalculábel valor material e inmaterial convérteno nun exemplar absolutamente merecedor deste galardón. Para conseguilo, é necesario que, ao igual que o Concello de Pontevedra, toda a cidadanía apoie esta candidatura e entre a votar de xeito masivo”, sinalou Puentes.

Máis candidaturas

Unha vez superada a fase de selección por parte do xurado de Bosques sin Fronteras, o Carballo de Gregorio e o Carballo de Santa Margarita competirán pola distinción como Árbore de España 2023 con o Carballo de Cornellana (Asturias), o Castiñeiro do Tío Trazas Los Santos (Salamanca), o Olmo de Montaña de El Rasillo (La Rioja), o Moral de Villoviado (Burgos), o Piñeiro Gordo de Vilafor de Chasna (Santa Cruz de Tenerife), a Aciñeira do Monte de la Redonda (Cantabria) e o Plataneiro Biar Biar (Comunidade Valenciana).

Dende hoxe, xoves 10 de novembro e ata o vindeiro 10 de decembro, abrirase a votación en www.arbolybosquedelaño.es.

Só se admitirá 1 voto por conta de correo e 5 votacións por dirección IP do ordenador. Bosques sin Fronteras dará a coñecer a árbore gañadora o vindeiro 20 de decembro.