Suma Ribeira vai reclamar no pleno do próximo luns o desenvolvemento dun plan de actuación sobre aqueles solares e edificios que precisen de intervención para cumprir as condicións legais de seguridade, salubridade e acesibilidade universal, co obxecto de “camiñar cara a un concello máis atractivo e propicio para a interacción social e a convivencia”.
Suma defenderá unha proposición neste sentido, pedindo, “se é necesario”, que “se aprobe unha normativa específica local que concrete e regule o procedemento para dar solución ás situacións detectadas previamente de lugares que vulneran a lei no que atinxe a salubridade, seguridade e decoro”.
En liña co anterior, a iniciativa de Suma Ribeira reclama que se inclúa tamén unha partida orzamentaria con estes fins e medidas de sensibilización individual e colectiva sobre os beneficios que tería para o concello que este fose máis “amábel, acolledor e atractivo”.
Para esta formación política, a cidade, as vilas e parroquias melloran tanto modernizando os seus elementos físicos como engadindo outros novos, así como mellorando os patróns de comportamento cívico.
A agrupación lembra que “a lexislación faculta aos concellos para ordenar as relacións de convivencia de interese local e a utilización dos seus servizos, equipamentos, infraestruturas e espazos públicos”. Asemade, segundo Suma Ribeira, a lexislación tamén di que o dereito de propiedade dos terreos, instalacións, construcións e edificacións comprende, con carácter xeral, calquera que sexa a situación en que se atopen, os seguintes deberes:
a) Dedicalos a usos compatíbeis coa ordenación territorial e urbanística.
b) Mantelos nas condicións legais de seguridade, salubridade, accesibilidade universal, decoro e outras esixidas pola lei para servir de soporte a tales usos.
“A rehabilitación e reutilización de espazos residenciais abandonados ou degradados, xa sexa en cidades, vilas ou zonas rurais, xogan, por tanto, un papel fundamental nas políticas de vivenda como solución eficiente, sustentábel e de futuro para dar resposta ás necesidades de vivenda da poboación, para conservar o patrimonio construído e para reducir o impacto sobre o medio ambiente”, explican dende Suma.
“Estamos convencidas de que, coma nós, tamén moitas veciñas pensan, que a situación actual que temos que contemplar e padecer os veciños da cidade, vilas e parroquias, non parece encontrar compatibilidade cun exercicio responsábel das competencias que ten o noso Concello nesta materia, de aí a presentación desta proposta”, conclúen dende a agrupación.