“Que viva o resplandor!”. Luís Celeiro

24 Novembro 2022

O mesmo día que se acendían millóns de lámpadas, en Vigo, para alumear o nadal e para dar que falar, na mesma cidade entregábanse os Premios da Crítica de Galicia, cargados de esperanza e mirando para o que somos e o que pretendemos ser os galegos desta Galicia que, a pesar de todo, vai tirando. Os premios da ilusión e uns premiados que son seguramente a verdade mesma das distintas áreas da intelectualidade, da creación, do estudo, do traballo cultural, da investigación e da divulgación do que pensan os que queren darlle unha volta ao mundo.
Hai quen pensa que o mundo necesita unha volta redonda ou unha reviravolta. Necesita que se pare a especulación, que se impoña a seriedade na política, no coidado da natureza, na ordenación do territorio, dos transportes, dos negocios e na orde internacional. Unha reviravolta ao mundo faise necesaria para que a humanidade poida seguir vivindo con dignidade, con tranquilidade e con luz, a poder ser, de noite e de día. Con luz, con pan e traballo.
Corenta e cinco anos despois da súa creación, entregáronse os Premios da Crítica e alí, nun acto multitudinario estaban os organizadores recibindo gabanzas e merecidos parabéns. Bieito Ledo, Antón Pulido, Manuel Bragado e Luís Suárez alongaban o seu sorriso de ledicia, para enterralo no corazón de cada un dos premiados ao son da música do Cuarteto Caramuxo, un cuarteto de seis: catro clarinetistas, un acordeonista e unha percusionista.
As oito modalidades dos premios dan alento para seguir traballando en todas e en cada unha delas, Iniciativas Culturais e Científicas, Creación Literaria, Investigación, Música, Artes Plásticas, Cine e Artes Audiovisuais, Artes Escénicas e Cultura Gastronómica. Cando parece que todo está feito, os creadores, investigadores, divulgadores, a propia audiencia e os espectadores caen na conta do moito que queda por facer. Poderase acabar o labor algún día?
Parece que non. Os feitos culturais deberán ter raíces no pobo e permanencia no tempo. Xa o dicía, e moi ben dito, o escritor checo, Milan Kundera, “a cultura é a memoria do pobo, a conciencia colectiva da continuidade histórica, o modo de pensar e de vivir”. En Vigo sábeno ben, a Fundación Premios da Crítica traballa sosegada e caladamente e, antes de que sexa noite, o Concello acende as luces e alumea. Que viva o resplandor!

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.