O Concello de Ribeira informa de que foron finalmente once as ofertas presentadas para executar os traballos destinados á apertura e urbanización do treito final da rúa Barbanza na cidade. Dende o Consistorio lembran que este proxecto persegue mellorar as condicións de accesibilidade e funcionalidade da zona, próxima ao parque de Centenario (no que se está a construír o novo Auditorio Municipal) e ao barrio de Abesadas. Isto farase coa apertura deste novo tramo de rúa, que “vai permitir a desconxestionar o tráfico e mellorar o acceso dende a avenida da Constitución ata o lugar onde se sitúan os Xulgados e a sede da Policía Local”, sinalou o Concello.
O novo treito a aperturar conta cunha lonxitude de 60 metros e un ancho de 12,50, distribuídos en dous metros de beirarrúa en cada unha das marxes e unha calzada de 8,5 metros.
Ademais, as obras inclúen a instalación dunha rede de saneamento a través dunha tubaxe de PVC lisa de 315 milímetros de diámetro e outra de pluviais cunha tubería de PVC corrugada do mesmo grosor. Tamén se colocará unha tubaxe de polietileno de 90 milímetros para auga potable.
O orzamento da actuación ascende a 56.205,86 euros, IVE incluído, e ten un prazo de execución de dous meses.