
O Grupo Municipal de Teatro de Ribeira segue coa súa xira do espectáculo “O Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo)” por Galicia, e desta volta actuou no auditorio municipal de Rianxo o pasado sábado 26 de novembro ás 20:30 h ante preto dun cento de asistentes, a función foi gratuíta. A actuación está enmarcada na Rede Cultural da Deputación da Coruña para o ano 2022 e ten unha duración de 100 minutos, foi organizada pola Área de Cultura de Rianxo; trátase dunha comedia de época en verso, con 21 persoaxes medievais a cada cal máis excéntrico e gracioso. O texto é colectivo, realizado polo propio grupo e está dirixido por Oscar Romero e Segundo Durán “Chiki” que foi o que ideou toda a posta en escea, música e dramatización. Do vestiario encargóuse Teresa Bretal, de Teresa Confecciones en Ribeira, polo que os traxes son únicos e artesanais. As viaxes e actuacións son coordinadas polo xestor cultural municipal, Unai González Suárez, que tamén forma parte da compañía.
O vindeiro sábado 10 de decembro o GMT de Ribeira volverá a actuar na comarca, neste caso sobre as táboas do Coliseo Noela en Noia, ás 20 h, con entrada gratuíta e patrocinada tamén pola Rede Cultural da Deputación baixo a organización da Concellería de Cultura de Noia.
O grupo proseguirá coa súa xira o ano vindeiro e ten pechadas xa actuacións en Rois, o 11 de febreiro e en Teo o 26 de marzo, ao tempo que está barallando outras vilas e cidades da Coruña e Pontevedra.
O GMT de Ribeira, que pertence á Concellería de Cultura que dirixe Maria Sampedro Fernández, está tamén a preparar a montaxe dun novo espectáculo que non podemos desvelar pero que está previsto para a súa estrea a finais de marzo do vindeiro ano 2023, e incluirá os dous espectáculos na Rede Cultural do ano vindeiro. Por outro lado, a Escola de Teatro Municipal tamén conta con grupo infantil, con 20 participantes de 7 a 12 anos e que están preparando unha peza para poñer en escea no vindeiro mes de xuño.




