O CEIP Plurilingüe da Serra de Outes acolle este xoves 24 de novembro unha charla sobre atención médica á nenez. Será a partir das 18.30 horas e contará coa presenza da doutora infantil Mariam Rodríguez Blanco, pediatra do Hospital do Barbanza. A charla Como está a pediatría a día de hoxe? forma parte da XVII edición das Xornadas de Información Sociosanitaria de Outes, coordinadas polo doutor Xosé María Dios Diz, médico especialista de Atención Primaria en Outes. As xornadas veñen da man do Concello (Centro Social e Centro de Saúde), a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatria, a USC, ADISBISMUR e a Asociación Cultural Terra de Outes.




